Agromuralla chama a bloquear os accesos da Coruña para denunciar a "emerxencia do sector primario"

Esta protesta a tres días de eleccións desmárcase das mobilizacións convocadas por varias organizacións agrarias para o día 20

tractores 1
photo_camera Imaxe dunha das protestas da semana pasada na Galiza (Foto: captura CRTVG)

Agromuralla fai un chamamento a bloquear esta quinta feira, 15 de febreiro, os accesos da cidade da Coruña nunha xornada na que convoca unha manifestación que terminará ante a sede da Delegación do Goberno.

Nun comunicado, o presidente de Agromuralla, José Luís Pérez Barreiro, considera "insuficientes" os compromisos alcanzados por parte dos gobernos das distintas administracións para facer fronte á "situación de emerxencia que vive todo o sector primario", polo que chama a "manter a presión" para que as reivindicacións dos produtores sexan "escoitadas e atendidas".

Con esta mobilización, coa que busca "manter viva a chama das protestas das últimas semanas", Agromuralla desmárcase das principais organizacións agrarias da cornixa cantábrica, as cales convocaron tractoradas para o día 20, despois das eleccións galegas -que se celebran o 18 de febreiro-.

De feito, Agromuralla fai unha invitación expresa a esas organizacións agrarias a "participar" nesta manifestación que terá lugar en plena campaña e a tres días dos comicios.

En cambio, Agromuralla prevé cortar aos accesos á cidade herculina para dixirse a pé, a partir das 12 horas desde o Coliseum, até a Delegación do Goberno, onde lerán un manifesto coas súas reivindicacións: redución de burocracia, reforma da Política Agraria Común (PAC), modificación de normativas ambientais e prezo xusto en orixe. A marcha discorrerá polas avenidas Alfonso Molina, Linares Rivas e Praza de Ourense.

A pasada semana, Agromuralla protagonizou unha mobilización con escasa afluencia en Lugo, na cal unhas decenas de agricultores e gandeiros concentráronse no polígono industrial das Gándaras.

Un dos principais puntos nos que se centran as críticas de Agromuralla é na Axenda 2030, "aprobada polo Goberno español en sintonía coa estratexia da Granxa á Mesa da UE" e que "afoga á agricultura e a gandaría con imposicións imposibles de cumprir, como a nova normativa de xurros".

Comentarios