O agro convoca mobilizacións para o próximo 20 de febreiro

As protestas quedan relegadas ante os comicios.
Vacas nunha gandaría de produción láctea en Sabadelle, Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de produción láctea en Sabadelle, Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e a Asociación Agraria da Galiza anunciaron esta cuarta feira a convocatoria conxunta de mobilizacións para o próximo 20 de febreiro co obxectivo de denunciar os problemas que atravesa o sector agrogandeiro da Galiza. Como xa sinalaran estas organizacións, as mobilizacións comezarán unha vez pasadas as eleccións ao Parlamento galego do 18 de febreiro, coa intención de non interferir na actual campaña electoral.

Este chamamento á mobilización foi coordinado polos tres colectivos con outros sindicatos agrarios de Asturias e Cantabria e, segundo indicaron, agardan que tamén se unan organizacións de Euskadi.
Neste sentido, lamentaron que as "problemáticas comúns" do sector agrogandeiro do noroeste da península Ibérica, polo que sinalaron como "necesario e factíbel" que as explotacións  deste territorio "vaian da man" na "defensa" dos seus intereses.

Co obxectivo de que se una o agro vasco, a vindeira semana decorrerá unha nova reunión para fechar a táboa de reivindicacións conxunta. Para isto, "servirá de base" o documento consensuado na Galiza polas tres organizacións que levan adiante as mobilización no país.

Os sindicatos agrarios ven necesario actuar para paliar a "excesiva burocracia" e o "aumento dos custos" xerado pola entrada en vigor de novas normativas da Unión Europea (UE), así como para "garantir" que os acordos comerciais con Estados e áreas económicas extracomunitarias "non poñan en risco" a "soberanía alimentaria" nin sexan unha "competencia desleal" para os produtores locais.

"Preocupación" ante as reivindicacións do sector

O ministro español de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, manifestou esta cuarta feira no municipio de Viveiro (A Mariña) a "máxima" preocupación e o "compromiso" do Goberno estatal coas explotacións agrogandeiras no marco das protestas que o sector convocará na Galiza a partir do día 20. Con todo, remarcou que se trata dunhas mobilizacións a nivel da Unión Europea. 

Bolaños puxo en valor a lei da Cadea Alimentaria, unha normativa que, segundo denuncian as organizacións agrarias galegas, non se está a cumprir, e que o presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, se comprometeu a reforzar.

Comentarios