A demanda de enerxía redúcese 22% na Galiza pola inflación e a crise industrial

As Administracións mobilizan 128 millóns en 2022 en axudas para eficiencia e aforro enerxético
O incremento dos prezos da enerxía levaron moitas familias, industrias e institucións a apostar en sistemas de autoconsumo (Foto: Europa Press).
photo_camera O incremento dos prezos da enerxía levaron moitas familias, industrias e institucións a apostar en sistemas de autoconsumo (Foto: Europa Press).

A Galiza liderou en 2021 a produción enerxética a partir de fontes renovábeis no Estado español, até o punto de que estas chegaron a cubrir 74,3% da demanda do país. Porén, o dato que transcende detrás desta realidade é a caída da demanda. No último ano, esta baixou 9,4% a respecto da media da serie 2011-2021, mentres que no Estado a diminución foi só de 2,4%.

Unha parte deste decrecemento podería atribuírse ás restricións autoimpostas por moitas familias para conter o impacto da suba do recibo da luz, que hoxe está 252% por riba dos valores de hai un ano, con 208,71 euros por megawatt hora (MWh), fronte aos 59,26 euros/MWh do 10 de maio de 2021.

Porén, tamén a caída da produción industrial ─en marzo a Galiza foi o territorio do Estado onde máis baixou, cun esborralle de 10% respecto 2021─ está detrás desta realidade. 

O cesamento da actividade en empresas electrointensivas como Alcoa, que supón 20% do consumo industrial da Galiza, ou Alu Ibérica, que xa non volverá abrir as súas portas, motivou que no primeiro mes de 2022, segundo os datos publicados por Rede Eléctrica, a baixada do consumo ascendese a 22,6%, unhas cifras que desde o Colectivo Bidán non dubidan en cualificar de "desproporcionadas e moi alarmantes".

Sirva como exemplo o dato de que, no conxunto do Estado, a demanda eléctrica baixou tan só 2,4% nese mesmo período. 

As paradas noutra das grandes industrias da Galiza, Stellantis, desta vez pola falla de compoñentes para a fabricación de vehículos, tamén contribúen a reducir a demanda de enerxía, mentres que outras firmas con forte consumo, como Megasa, optaron por modificar horarios e adaptar a súa produción ás horas nas que a luz é máis barata.

Axudas para o aforro

Algo semellante é o que acontece nos fogares galegos. Após meses coa luz e o gas en prezos nunca antes vistos, as familias decidiron mudar  os seus hábitos, por exemplo reducindo o consumo nas horas punta. 

Xunto a isto, tamén houbo quen apostou por acometer reformas na casa para mellorar a eficiencia enerxética da mesma, instalar sistemas de autoconsumo ou mudar os electrodomésticos por outros máis eficientes, valéndose para iso en moitos dos casos das axudas públicas.

Agora as Administracións queren seguir avanzado pola vía de fomentar o aforro e a eficiencia enerxética, e para iso teñen pensado mobilizar este ano 128 millóns en axudas na Galiza.

Moitas delas mesmo predican co exemplo, con investimentos para modernizar o alumeado público, levantar edificios máis eficientes ou instalar sistemas de xeración para autoconsumo, xunto con outras medidas para reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles. 

Plan estatal

A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, anunciou onte que o Goberno español traballa nun plan de aforro e eficiencia enerxética no ámbito da Administración Xeral do Estado (AGE) que aprobará a próxima semana, así como nunha serie de "recomendacións" á cidadanía, incluíndo ás empresas, para reducir o consumo de enerxía e as importacións de combustibles fósiles.

"Hai algunhas recomendacións básicas que son moi importantes", afirmou Ribera, que citou entre elas o fomento do transporte público fronte ao vehículo privado, o teletraballo, a correcta regulación dos termostatos, o fomento do coche compartido se non se pode usar transporte público ou racionalizar horarios de oficina para apagar antes a calefacción no inverno.

Comentarios