domingo 24/10/21

Admitida a trámite unha querela pola venda das factorías de Alcoa en A Coruña e Avilés

Unha maxistrada da Audiencia Nacional pide á Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal que investigue integralmente o asunto e que aclare certas cuestións respecto ás compañías Alu Ibérica LC SL e Alu Ibérica AVL.
Unha protesta polas industrias electrointensivas nas rúas da Coruña. (Foto: CIG)
Unha protesta polas industrias electrointensivas nas rúas da Coruña. (Foto: CIG)

A xuíza da Audiencia Nacional María Tardón vén de admitir a trámite unha querela presentada pola Confederación de Cadros Profesionais polo proceso de venda das plantas de tratamento de aluminio que Alcoa tiña na Coruña e en Avilés.

Apenas uns días despois de que a Xustiza tombara o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) da multinacional americana para o complexo industrial de San Cibrao, na Mariña, Alcoa volve atoparse cun imprevisto nos seus plans para abandonar o Estado español.

Tamén coincide no tempo co conflito existente entre o comité de empresa de Alu Ibérica (antiga Alcoa) da Coruña e a dirección, que fixo importantes acusacións sobre un grupo de representantes das e dos traballadores.

A querela actual vai contra dez persoas físicas e nove xurídicas como Víctor Rubén Domenech e as sociedades Alcoa Inespal SLU, Alu Ibérica LC SL, Alu Ibérica AVL e Parter Capital Group.

O sindicato entende que no acordo déronse feitos que, na súa opinión, “son constitutivos de delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal”.

Así transcendeu esta terza feira ao coñecer o auto de admisión de Tardón, que ademais remite a información á Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) para que faga os seus estudos. 

"Ausencia de claridade"

En concreto, solicita “unha investigación integral respecto das persoas físicas e xurídicas contra as que se dirixe a querela para o esclarecemento dos feitos e de forma previa a resolver sobre as dilixencias pedidas polos querelantes”.

Así mesmo, “tendo en conta a ausencia de claridade e concreción que se ve na querela”, a maxistrada pide á Unidade que aporte información sobre a “titularidade real” de Alu Ibérica LC SL e Alu Ibérica AVL SL, as e os seus asociados, os órganos de administración e representación, o capital social ou a situación económica, entre outras cuestións.

Un proceso con certa complexidade

No contido ao que tivo acceso Europa Press, fálase dos 688 traballadores e traballadoras afectadas polo cambio de mans e de que a investigación dispón dun informe a favor da Fiscalía. A Audiencia Nacional considérase competente para tratar este asunto por afectar a dous territorios do Estado español.

O sindicato denunciante defende que “Alcoa enganou aos sindicatos representantes dos traballadores no marco da negociación da extinción colectiva da relación laboral, eludindo o abono das súas responsabilidades empresariais, abocando á insolvencia das unidades produtivas, para a súa transmisión lucrativa a terceiros”. Neste caso, fala de Parter e de Alu Ibérica.

Alcoa decantouse polo fondo Parter Capital Group -e tamén presentou como opción a Riesgo-, deixando á marxe outras opcións con solvencia. A venda completouse o 31 de xullo do ano pasado pero a Confederación de Cadros Profesionais afirma que “nunca” tiveron coñecemento “formal do contrato polo que se levou a efecto” o acordo.

Logo déronse varias modificacións “de forma inmediata e consecutiva á venda” que, para eles, amosa a “actividade defraudadora” pola que presentaron a querela. Unha das cuestións polémicas ás que aluden para xustificar a decisión é o cambio de nomes e o baile de cifras que se puxeron sobre a mesa.

Sosteñen, entón, que “levaron a que a titularidade das dúas factorías termine en mans de empresas pantalla sen capacidade nin para levar a cabo o plan de negocio, nin o pago dos salarios, nin a inversión”.

comentarios