sábado 28/11/20

O comité de Alu Ibérica solicita a Alcoa anular a venda da factoría

Os traballadores da factoría da Coruña responsabilizan a Alcoa dos incuprimentos dos acordos do ERE.
Protesta dos traballadores de Alu Ibérica ás portas da factoría (Foto: Comité de empresa de Alu Ibérica).
Protesta dos traballadores de Alu Ibérica ás portas da factoría (Foto: Comité de empresa de Alu Ibérica).

Os traballadores de Alcoa non son os únicos que precisan de Ron Harvey, o conselleiro delegado da multinacional. Na Coruña, os traballadores da planta de Alu Ibérica veñen de remitir un escrito á dirección da firma norteamericana no que responsabilizan á antiga propietaria da factoría de aluminio herculina dos incumprimentos do acordo sobre o ERE de 15 de xaneiro de 2019. 

Segundo explica o comité nun comunicado, a actual dirección da empresa incumpre diversos artigos do convenio colectivo que afectan ao calendario laboral, seguridade e saúde laboral, vacacións, ou axudas ao transporte. Ademais, afirman que os traballadores en situación de incapacidade laboral non cobraron a nómina de outubro, na que a empresa tampouco asumiu as axudas sociais, ao tempo que denuncian o "baleirado de activos" necesarios para o proceso de electrolise.

Ante esta situación, os traballadores exixen Alcoa que pare estes incumprimentos e retrotraia a operación de venda das plantas da Coruña e Avilés "ao seu punto de orixe de 15 de xaneiro de 2019".  "Se segue a consentir Alcoa esta situación será a máxima responsábel do dano causado ás plantas e aos traballadores, e ante iso reservámonos o dereito a emprender as accións legais oportunas", advirten.

Resposta da dirección

Pola súa banda, Alu Ibérica emitiu un comunicado no que afirma que a nova dirección mantén firme o seu compromiso co emprego nas plantas da Coruña e Avilés e coa procura dun horizonte a longo prazo para os seus traballadores. 

Porén desde Alu Ibérica sinalan que "terxiversar" a realidade da empresa e dos seus compromisos vai en detrimento do conxunto dos traballadores e traballadoras.

"A actitude do Comité de Empresa vertendo acusacións que non se corresponden coa realidade supón un dano á credibilidade da compañía e repercutirá negativamente no futuro das plantas", advirten desde a compañía, que remiten calquera posíbel debate sobre a política industrial de Alu Ibérica ao "marco interno" da firma.

"A dirección da empresa e os representantes dos traballadores deben ser os únicos interlocutores nunha conversa que desexamos frutífera e na que non caben os antigos xestores das plantas", conclúe .

comentarios