O aceite de oliva na Galiza está en "expansión moderada"

O sector inicia a colleita deste ano e a Asociación de produtores de aceite e oliva da Galiza (Apaag) móstrase cautelosa.

Comeza a colleita de oliva en Quiroga (Foto: Carlos Castro - Europa Press).
photo_camera Comeza a colleita de oliva en Quiroga (Foto: Carlos Castro - Europa Press).

A produción de aceite de oliva na Galiza está “en expansión moderada”. É a expresión que emprega o presidente da Asociación de Produtores de Aceite e Oliva da Galiza (Apaag), Alfonso Rodríguez, para definir a colleita deste ano que se inicia agora.

O responsábel da entidade, que conta con 150 produtoras e produtores, amósase cauteloso sobre os resultados da colleita deste ano.

"Ao redor desta fin de semana, comezarán en zonas como Quiroga", sinala en relación a un proceso que, na Galiza, se fai de maneira manual.

"Normalmente comezamos durante a segunda quincena de outubro e o mes de novembro", explica tamén sobre o período no que leva a cabo. Ademais, precisa que na Galiza comeza a recollerse cando empeza a madurar. "Trátase dunha recollida en verde, nesta primeira etapa da maduración, que fai que o aceite extraído sexa da máxima calidade", aclara.

Resultados dispares

Rodríguez explica que este ano "veremos a produción total de plantacións da asociación, porque temos zonas con resultados dispares". Por este motivo, o presidente da Apaag evita aventurarse con cifras ou confirmar se será boa.

Desde esta asociación son conscientes da traxectoria na Galiza desta actividade. "A oliveira é un cultivo que ten unha longa historia e sempre estivo presente en determinadas zonas da Galiza", asegura, "mais as circunstancias históricas fixeron que houbese zonas onde se interrompeu", manifesta.

Con todo, Rodríguez conta que desde os últimos 10 ou 15 anos está a "recuperarse". Ademais, engade que hai outras zonas "como Quiroga ou Valdeorras onde nunca se deixou de producir".

Mercado pequeno

A produción é pequena polo que o presidente da Apaag asegura que "a maioría se fai para autoconsumo e logo hai algunhas marcas que envasan aceite de oliva virxe extra con marcas propias".

"O mercado, ao ser tan pequeno, fai que a maioría quede na Galiza ou nalgunhas tendas 'delicatessen' das principais cidades". Sobre o produto, sinala que se fan aceites de oliva virxe extra "de máxima calidade, recollendo de plantacións propias ou comprando a outras plantacións".

"Para iso a Asociación ten un selo que garante que o aceite que é procedente de plantacións galegas 100%, xa que hai bastante ‘intrusismo’ tamén", asevera o seu presidente que afirma que "é importante asesorarse moi ben para ver a viabilidade de plantar".

"O cultivo de oliveiras é unha aposta para pór en valor terreos, aínda que, como todos, require un investimento e uns recursos que hai que valorar", recalca tamén.

Comentarios