53% dos alimentos con IVE rebaixado subiron os seus prezos durante 2023

Aceites, froitas e verduras rexistraron os incrementos máis importantes.

O aceite de oliva é o produto alimenticio que máis se dispara no cesto da compra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O aceite de oliva é o produto alimenticio que máis se dispara no cesto da compra. (Foto: Nós Diario)

A asociación de consumidores Facua vén de denunciar un incremento no prezo de 53% dos alimentos suxeitos a un IVE rebaixado, malia que que a normativa aprobada polo Goberno do Estado non permitía esta posibilidade. O colectivo culpa o Executivo de Pedro Sánchez desta situación, ao negarse a estabelecer os controis necesarios para impedilos.

Facua

Facua, que analizou os prezos dos alimentos nas cadeas de distribución Alcampo, Aldi, Carrefour, Dia, Eroski, Lidl, Hipercor e Mercadona, detectou un aumento progresivos dos mesmos ao longo de toda a anualidade. Neste sentido, en xaneiro de 2023 incrementouse o custo de 6,7% dos alimentos, en febreiro de 17,4%, en marzo de 30,8%, en abril de 42,0%, en maio de 43,8%, en xuño de 44,7%, en xullo de 47,0%, en agosto de 48,4%, en setembro de 48,9%, en outubro de 52,4%, en novembro de 53,8% e en decembro de 52,9%. A entidade sinala que de 517 referencias de alimentos onde medraron os prezos, 174 correspóndense a froitas ou verduras, 100 a aceites de oliva e 77 arroces e pastas.

Mercadona

Asemade, apunta que se “localizaron 63 incrementos de prezos entre os leites e lácteos e 47 entre os legumes. As 56 subidas restantes correspóndense a ovos, fariñas e pans”. Nesta liña, indica que “as maiores subas rexistráronse nos aceites de oliva”, até o punto que “en Mercadona a garrafa de tres litros de aceite de oliva virxe extra marca Hacendado pasou de 16,75 euros no principio do ano a 27,60 euros en decembro”.

Facua denuncia que “a ausencia de controis por parte do Goberno fixo ineficaz a medida” de rebaixar o IVE e reclama ao Executivo estatal “emprender actuacións sancionadoras contra fabricantes e empresas de distribución que estean a se saltar a conxelación de marxes imposta na norma”.

Comentarios