80% da poboación ve no prezo un obstáculo para un consumo sostíbel

Un estudo mostra a inquietude polo cambio climático.
Persoa mercando alimentos (Foto: Arxina).
photo_camera Un home mercando alimentos. (Foto: Arxina)

A Fundación da compañía de seguros AXA presentou esta quinta feira en Vigo os resultados dun informe sobre a percepción cidadá ante o cambio climático. Nela conclúese que 80% da poboación galega cre que o prezo dos produtos afecta "moito" ou "bastante" á hora de realizar un consumo máis sostíbel.

No estudo, nunha escala do 0 a 10, puntúan cun 6,4 a importancia dos factores ambientais nas súas decisións de compra e móstranse máis preocupados polo cambio climático (un 23%), que consideran un reto máis desafiante que as ameazas á seguridade e o terrorismo, ou os riscos nos recursos naturais. 

No mesmo documento, sobre a incidencia do cambio climático na vida persoal, 78% móstrase moi ou bastante preocupado polo impacto que pode ter sobre a saúde, 69,7% pola súa incidencia na alimentación e 63,6% polo empeoramento da situación económica e laboral.

Entre as medidas que levan a cabo as galegas e os galegos para loitar contra o cambio climático, destaca evitar desperdiciar comida como principal acción (53,4%), sobre todo entre os maiores de 65 e as mulleres, seguido da reutilización e reciclaxe de produtos (46,3%). O uso de enerxías renovábeis é a que menos se aplica (7,6%). 

A alimentación, algo irrenunciábel

O estudo reflicte tamén que a chave do cambio na sociedade pasa por un reaxuste dos hábitos e rutinas. Neste sentido, 18,4% das galegas e dos galegos consideran moi necesario reducir o nivel de confort das persoas en beneficio do medioambiente, cifra superior ao 17,2% do Estado español.

Porén, non están dispostos a cambiar os seus hábitos e só 48,3% cambiaría as súas prácticas en reciclaxe. No outro extremo, a alimentación é o ámbito no que menos disposto se está a renunciar (21,7%).

Comentarios