O valor bursátil de Pescanova cae uns 300 millóns de euros no que vai de semana

O conselleiro de Economía e Industria mostrou a disposición da Xunta a colaborar con Pescanova para facer fronte á situación desta empresa, mais lembrou que deben ser os seus directivos os que atopen "solucións". O valor bursátil da compañía caeu arredor de 300 millóns de euros no que vai de semana.
Pescanova

Após unha nova queda de valor das accións de Pescanova (a sexta feira roldaban os 17,40 euros, esta segunda baixaron a 6,96; e nesta terza feira pagáronse a 3,80 mais fecharon a 5,60), a Xunta falou sobre esta empresa. Fíxoo por boca do seu conselleiro de Industria e Economía, Francisco Conde, e iso si, a preguntas dos xornalistas. Conde sinalou que o goberno galego está disposto a colaborar con Pescanova para saír da situación que atravesa, mais sen especificar en que e como se concretizaría esa axuda. Neste punto limitouse a indicar que "hai que ser prudente".

Porén, Conde apuntou a que esta compañía ten unha directiva que é quen de "identificar as necesidades" e "atopar as solucións" e de saber cales son as "necesidades". Nesa liña, o conselleiro dixo que o goberno autonómico estaba "moi esperanzado" con que os executivos da empresa dean endereitado a situación.

Pescanova valía na Bolsa após a xornada da segunda feira por volta de 200 millóns de euros. Antes da compravenda deste comezo de semana, a súa capitalización bursátil era de 500 millóns de euros.

Comentarios