A CIG considera "insuficientes" as medidas do Estado contra a suba de prezos

A CIG solicita que se articulen políticas de intervención pública na economía nos sectores estratéxicos para evitar que se agudice o empobrecemento xeneralizado que está a padecer a clase traballadora.
Paulo Carril, secretario xeral da CIG. (Foto: CIG).
photo_camera Paulo Carril, secretario xeral da CIG. (Foto: CIG).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) considera o paquete de medidas aprobadas onte polo Consello de Ministras e Ministros “insuficientes” para frear os efectos devastadores da suba de prezos.

 A central sindical demanda que, fronte a isto, "se articulen políticas de intervención pública na economía nos sectores estratéxicos para evitar que se agudice o empobrecemento xeneralizado que está a padecer a clase traballadora".

O secretario xeral do sindicato nacionalista, Paulo Carril, advirte que “canto máis tarde o Goberno en pór en marcha estas medidas, que tampouco introduciu nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2023, máis profunda será a ferida social provocada pola descontrolada suba de prezos”.

Neste sentido, sinala que resulta inxustificábel deixar á marxe da rebaixa do IVE produtos básicos para a alimentación como o peixe e a carne, “que son alimentos de moi importante consumo na sociedade e chaves no tecido económico galego”.

Advirte, así mesmo, das consecuencias que terá para as economías familiares a supresión do desconto no prezo dos carburantes ou non conxelar para todo o 2023 a suba dos prezos dos alugueiros e hipotecas.

Critica ademais que, como alternativa, se limite a aprobar un cheque que non é máis que un parche que deixa fóra moitas familias. “Dos gobernos non necesitamos beneficencia, senón que recoñezan o dereito a termos uns ingresos dignos (incremento do SMI, Renda de Inserción Laboral…), o que é incompatíbel co pacto de rendas que pretenden aprobar”.

Tarifa eléctrica galega e SMI en 1.197 euros/mes

Por iso, perante da grave situación económica, o secretario xeral da CIG reitera a demanda da central sindical dunha intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos, como leva meses demando dentro das “10 Medidas contra a carestía da vida, a crise e a pobreza”, as cales pasan por aprobar un Plan de Choque no cal se contemplen medidas como a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega; fixar o SMI en 1.197€ ao mes como recomenda a Carta Social Europea ou o recoñecemento do dereito á xubilación ordinaria aos 65 anos e a recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61, como medida de creación de emprego.

Comentarios