Estas son as dez chaves das medidas 'anticrise' aprobadas polo Executivo estatal

A rebaixa no IVE dos alimentos non compensará a suba do IPC en 2022. O peixe e a carne fican fóra das bonificacións fiscais.
O presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, esta terza feira durante a rolda de prensa.
photo_camera O presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, esta terza feira durante a rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
  1. A baixada do IVE non compensa a suba do IPC
  2. O Goberno do Estado pon fin ao desconto xeneralizado dos combustíbeis
  3. Prórroga para as bonificacións do transporte por ferrocarril
  4. Bonificación de 50% no transporte interurbano
  5. A revalorización das pensións fará subir as contías percibidas en 2023
  6. A rebaixa das taxas sobre a luz e o gas ao tipo de 5% ficará prorrogada
  7. As empresas do sector gasintensivo percibirán 950 millóns en axudas
  8. Perte de descarbonización
  9. O Ministerio desenvolve un novo decreto de loita contra a pesca ilegal
  10. Seis decretos modifican a xestión das axudas do plan estratéxico da PAC

O Goberno do Estado español suprimiu durante seis meses o IVE de 4% que se aplica a todos os alimentos de primeira necesidade -pan, fariñas panificábeis, leite, queixo, ovos, froitas, verduras, hortalizas, legumes, patacas e cereais-, e rebaixou de 10% a 5% o do aceite e a pasta para facer fronte ao impacto da inflación.

Porén, as medidas do Goberno español deixan fóra destas rebaixas alimentos importantes para a dieta como a carne e o peixe, unhas medidas que veñen sendo solicitadas de forma reiterada polo sectores produtivos galegos.

As rebaixas do IVE foron anunciadas polo presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, quen engadiu que "ante a persistencia da inflación" tamén se aprobaron axudas directas por un importe de 300 millóns de euros aos agricultores en compensación á suba do prezo dos fertilizantes.

"O Goberno vai asegurar que as rebaixas do IVE se trasladan de forma inmediata nos prezos dos alimentos, imos estabelecer a obrigatoriedade de que se traslade esta redución ao prezo dos alimentos", asegurou Sánchez.

O IVE da alimentación no Estado español varía entre o tipo reducido (10%) e o superreducido (4%). Considéranse produtos de alimentación aqueles que poden servir como alimento para humanos ou animais -suxeitos a 10% do IVE (carne, peixe, aceite ou pasta)-, salvo aqueles que se consideran alimentos de primeira necesidade, e que, até o de agora, grávanse co tipo de 4%. Con todo, hai certos alimentos que non se encadran en ningunha destas categorías, como as bebidas azucradas ou alcólicas, ás que se lles aplica o tipo xeral de 21%.

As novas medidas do chamado plan anticrise, que entrarán en vigor o 1 de xaneiro e terán un impacto de 10.000 millóns de euros, inclúen un cheque de 200 euros para rendas inferiores a 27.000 euros anuais e un patrimonio non superior a 75.000 para facer fronte ao encarecemento do cesto da compra.

O Goberno estatal aprobou estas medidas nun contexto no que os prezos dos alimentos creceron en novembro 15,3% en taxa interanual, unha décima menos que en outubro, cando marcaron a cifra récord desde xaneiro de 1994.

A baixada do IVE non compensa a suba do IPC

As medidas anunciadas polo Executivo liderado por Pedro Sánchez supoñen unha rebaixa a partir do comezo de 2023 aplicada aos alimentos de primeira necesidade -de 4%- e de outros alimentos como a pasta e os aceites -de 5%-, sempre que o Executivo estatal consiga impedir que as empresas de distribución e comercialización non se aproveiten desta medida para inzar os prezos e aumentar os beneficios.

Porén, aínda que isto fose posíbel e se conseguisen desenvolver ferramentas para controlar estas potenciais prácticas abusivas no mercado, a baixada do IVE proposta polo Goberno español non chega a compensar o actual incremento do custo dos alimentos.

Desta forma, alimentos como o pan, que tiveron unha suba de prezo de 14,6% no mes de novembro con respecto ao mesmo mes de 2021, seguirían sendo máis de 10% máis caros. Restando este 4%, as fariñas e os cereais seguirían sendo máis de 33,5% máis caros, o leite case 26%, os ovos máis de 23%, a manteiga 33,5%, e as patacas 16,5%.

No caso da pasta, coa rebaixa de 5%, o seu prezo seguiría sendo 15,5% máis caro que hai un ano, no do aceite de oliva case 21%, e no do resto dos aceites case 52%. As carnes, con subas de até 21,5%, non terán ningún tipo de bonificación fiscal, ao igual que no caso do peixe e o marisco, con subas que alcanzan até 15,3%.

O Goberno do Estado pon fin ao desconto xeneralizado dos combustíbeis

O Consello de Ministros e Ministras aprobou esta terza feira a eliminación da bonificación xeneralizada ao combustíbel para o ano 2023. O desconto de 20 céntimos por litro manterase exclusivamente para transportistas, agricultores, navieiras e a frota. Desta maneira, a bonificación desaparecerá o próximo 1 de xaneiro para as persoas usuarias particulares. 

Prórroga para as bonificacións do transporte por ferrocarril

O Consello de Ministros tamén aprobou estender durante todo 2023 a gratuidade do transporte público estatal ferroviario e terrestre de proximidade e media distancia.

"Prorrogaranse durante todo 2023 as bonificacións para transporte de viaxeiros por ferrocarril incluíndo a gratuidade en proximidades e media distancia", recolle textualmente a resolución aprobada na xuntanza de onte do Goberno español.

Os novos abonos para viaxar gratis en tren serán cuadrimestrais. Haberá que sacar un título de viaxe específico para cada traxecto e poderán solicitarse na web de Renfe nos vindeiros días.

Bonificación de 50% no transporte urbano e interurbano

O Goberno do Estado español aprobou unha prórroga do desconto de 30% ao transporte urbano e interurbano para o ano 2023, que se aplicará só nas autonomías que se comprometan a ampliar a bonificación a 50% do prezo do billete. 

A diferenza dos últimos catro meses, durante os cales era opcional para autonomías e Concellos ofrecer o desconto de 20%, agora o Goberno estatal só aplicará 30% de desconto se estas entidades financian un desconto de 20% adicional. Así, en todas os territorios nos que se aplique esta medida, a rebaixa total será, como mínimo, de 50%.

A revalorización das pensións fará subir as contías percibidas en 2023

Tal e como se prevía nas contas para o vindeiro ano, as pensións contributivas subirán 8,5% en virtude da fórmula de revalorización estabelecida na primeira fase da reforma das pensións -á espera de saberse que acontece cos anos de computo das pensións por xubilación-, en vigor desde o pasado 1 de xaneiro de 2022, como resultado da media do IPC entre decembro de 2021 e novembro de 2022. Ademais, as pensións non contributivas manterán a suba de 15% que se aplicou o pasado mes de xullo. 

Coa suba de 8,5% das pensións mínimas contributivas aumentarán aproximadamente entre 18 e 113 euros ao mes, dependendo da clase de retribución e das circunstancias persoais.  O importe da pensión mínima para as persoas xubiladas de 65 anos con cónxuxe a cargo quedará en 966,19 euros ao mes en 14 pagas (fronte aos 890,5 euros ao mes actuais); no caso das pensións sen cónxuxe (unidade económica unipersoal), en 783 euros (721,7 euros actualmente), e aquelas con cónxuxe non a cargo, en 743,2 euros mensuais (fronte aos 685 euros actuais).

Para as persoas xubiladas con menos de 65 anos, a pensión mínima con cónxuxe a cargo fíxase en 905,8 euros ao mes (834,9 euros actualmente); sen cónxuxe, en 732,6 (675,2 até o de agora), e con cónxuxe non a cargo, en 692,4 (638,2 actualmente).
A pensión máxima de xubilación situarase desde o 1 de xaneiro en 3.858,8 euros mensuais con catorce pagas, fronte aos 2.819,2 euros ao mes deste ano. 

A pensión mínima de viuvez subirá entre 46 e 71 euros ao mes, dependendo das circunstancias. En concreto, a pensión mínima de viuvez para titulares con cargas familiares situarase en 905,8 euros mensuais, en contraste cos 834,9 euros actuais. 

Por outra parte, o importe mínimo das pensións de orfandade subirá o vindeiro domingo a 239,4 euros mensuais, desde os 220,7 euros actuais. Ademais, a pensión mínima por incapacidade absoluta de titulares con 65 anos con cónxuxe a cargo será o próximo ano de 966,2 euros ao mes, en contraste cos 890,5 euros actuais, mentres que a de quen non teñen cónxuxe a cargo (unidade económica unipersoal) será de 783 euros mensuais (721,7 euros actualmente).

A rebaixa das taxas sobre a luz e o gas ao tipo de 5% ficará prorrogada

O Goberno do Estado español aprobou esta terza feira unha prórroga de seis meses nas rebaixas fiscais aplicadas á factura da luz e do gas que expiraban o 31 de decembro, así como a conxelación do prezo máximo da bombona de butano estabelecido en 19,55 euros.

Deste modo, a rebaixa do IVE do recibo da luz de 10% a 5% que se aplica a persoas usuarias, empresas ou particulares, cunha potencia contratada de até 10 quilowatts manterase até mediados de 2023. Así mesmo, a rebaixa do tipo do IVE aplicado no recibo do gas natural de 21% a 5% prorrogarase até finais de xuño de 2023.

O Goberno español tamén aprobou estender até o 31 de decembro de 2023 a aplicación do tipo impositivo de 0,5% ao Imposto Especial sobre a Electricidade e a prórroga da suspensión temporal do Imposto sobre o valor da produción da enerxía eléctrica até o 30 de xuño de 2023.

Todas estas rebaixas fiscais dirixidas a moderar as subas no prezo da electricidade supuxeron entre xaneiro e novembro unha diminución dos ingresos tributarios respecto ao ano pasado de 6.149 millóns, segundo explicou a Axencia Tributaria no seu informe mensual de recadación.

Ademais, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, tamén anunciou a prórroga até o 31 de decembro de 2023 da prohibición do corte de subministracións esenciais e a extensión do bono social eléctrico.

As medidas anunciadas esta terza feira polo xefe do Executivo español tamén inclúen a ampliación desde os 500 metros até os dous quilómetros para as redes eléctricas de autoconsumo compartido.

En materia de vivenda, o Executivo estatal prorrogou a suba máxima de 2% dos alugueiros até o 31 de decembro de 2023 e estabeleceu a prórroga automática durante seis meses dos contratos que expiren antes do 30 de xuño do próximo ano. Neste caso o límite de suba máxima da renda que se pagará polo aluguer da vivenda tamén será de 2%.

Así mesmo, o Executivo estatal prorrogou por seis meses a suspensión dos desafiuzamentos para fogares vulnerábeis e anunciou que manterá o incremento de 15% no ingreso mínimo vital.

As empresas do sector gasintensivo percibirán 950 millóns en axudas

O Goberno do Estado español aprobou esta terza feira o estabelecemento de 950 millóns de euros en axudas para as empresas gasintensivas a través dunha liña de 450 millóns de euros para compensar os custos do "aumento excepcional" dos prezos do gas natural e cunha liña ICO-Ucraína de 500 millóns de euros de "apoio público especial".

En canto ás axudas de 450 millóns de euros para compensar os custos do aumento dos prezos do gas natural, entre os sectores incluídos figuran o da cerámica, os azulexos, o papel, o vidro, o ferro, o aceiro, o aluminio, as fibras artificiais e sintéticas e os produtos alimenticios.

As axudas da liña ICO-Ucraína de 500 millóns de euros destinaranse ás empresas gasintensivas para proporcionar un "apoio público especial" para o financiamento deste sector "especialmente afectado polo incremento de custos da enerxía".

"Ademais, para garantir a competitividade da industria electrointensiva, o mantemento da actividade produtiva e o emprego asociado a esta, mantense a redución de 80% das peaxes -que teñen que pagar estas empresas polo abastecemento- até o 30 de xuño de 2023. O Executivo calcula que esta medida suporá uns 112 millóns de euros", engadiron fontes do Ministerio de Industria español.

Perte de descarbonización

Así mesmo, esta terza feira o Executivo estatal deu luz verde ao Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) de descarbonización industrial, destinado a apoiar á industria na súa transición cara a modelos e procesos máis respectuosos co medio ambiente e contribuír ao obxectivo de neutralidade climática no ano 2050.

O Ministerio desenvolve un novo decreto de loita contra a pesca ilegal

O Consello de Ministros e Ministras do Estado español aprobou esta terza feira o anteproxecto de lei de modernización do control e a inspección e a loita contra a pesca ilegal, presentado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para revisar e modernizar os sistemas de control e inspección como garantía do cumprimento da Política Pesqueira Común (PPC).

Con esta iniciativa, sinala o Ministerio,  búscase reforzar a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, así como flexibilizar e modernizar o réxime de infraccións e sancións, garantindo o principio de proporcionalidade do réxime sancionador.

Ademais, o Executivo do Estado español aprobou esta terza feira un real decreto que regula, por primeira vez, a estrutura do Rexistro Xeral da Frota Pesqueira. Esta norma reflicte as competencias e obrigacións das autonomías e do Ministerio de Pesca con respecto ao rexistro de buques de pesca e buques auxiliares, co fin de garantir a existencia, a nivel estatal, dun único rexistro que se constitúe como un dos principais elementos da ordenación pesqueira.

Seis decretos modifican a xestión das axudas do plan estratéxico da PAC

O Executivo do Estado español aprobou esta terza feira seis decretos que regulan cuestións ligadas directamente coa xestión das axudas estabelecidas no plan estratéxico da Política Agrícola Común (PAC), así como outros dous (de nutrición sostíbel de chans e uso sostíbel de fitosanitarios) de carácter regulatorio da actividade agraria, que aínda que non afectan as axudas da PAC, si contribúen directamente aos obxectivos estabelecidos no plan estratéxico.

Comentarios