xoves 28/10/21

27F: “Esta manifestación non é un punto e final. É un punto e seguido”

Compostela acolle este sábado unha mobilización nacional do sector do mar galego contra as políticas da Xunta. Os convocantes agardan reunir 30.000 persoas.

Rianxo pleno acuicultura
Pleno en Rianxo no que se rexeitou a Lei de Acuicultura. Imaxe: @Adolfomunihnos

Trinta mil persoas. É a cifra que calculan os convocantes da mobilización nacional do sector do mar que este sábado se dará cita en Compostela baixo o lema “A prol do sector do mar”. “Un mar de xente”, como ironiza Juan Ordóñez, mariñeiro. Unha gran manifestación que nin o recuar da Consellería do Mar esta semana asegurando que retiraba a lei de acuicultura conseguiu frear. Porque, como lembra José L. Rodríguez, de Asoar-Armega, frota de artes menores; non é un protesto só contra esa lei senón contra a política da Consellería do Mar durante estes anos.

En menos dunha década Galiza perdeu o 20% da súa fota pesqueira. E en sectores como o marisqueo a pé, destruiuse o 41% do emprego nese mesmo periodo

Convocan a mobilización confrarías, agrupacións de mexilloeiros, mariscadoras, colectivos de frota artesanal, plataformas ambientalistas e sociais, asociacións de veciños, sindicatos... Con representantes deles falamos para a reportaxe que a dupla páxina publicamos neste Sermos Galiza nº184. Así, Xaquín Rubido, da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, manifestábanos que esta manifestación “non é o ponto e final, é o ponto e seguido” do movemento das xentes do mar contra as políticas lesivas. Andrés García, da asociación de armadores do cerco, explicábanos que “temos un goberno cuxo único plan pasa por se desfacerr dfe canta máis fota mellor”. Ou Carme Iglesias, mariscadora que opina que esta manifestación tiña que se ter feito “hai xa uns anos” para evitar estar no actual escenario.

Representantes das entidades que convocan e apoian volveron comparecer esta semana para poñer os puntos sobre os íes. O protesto reúne unha serie de demandas comúns: que non se volva retomar o proxecto de lei de acuicultura, revisión das taxas e cotas de pesca, fin dunha política que prima o despezamento da frota, loita contra a contaminación e a mortandade no marisco, combate da fraude de que se venda como galego produtos do mar (mexillón, ameixa...) que non é,....

O manifesto será lido polo actor e humorista arousán Carlos Blanco.

paxina mar

comentarios