Unha lei para privatizar o mar galego en beneficio das multinacionais acuícolas

Confrarías, mariscadoras, frota de baixura e mexilloeiros critican con dureza o ante-proxecto da lei de acuicultura da Xunta, un borrador que procura, denuncian, desprazar os sectores produtivos tradicionais en beneficio das grandes corporacións da acuicultura industrial.

batea mexillon
Cultivo tradicional de mexillón, nunha batea

Non é doado poñer de acordo a todos os sub-sectores que viven do mar en Galiza, desde os mariñeiros da frota de baixura ás mariscadoras, pasando por bateeiros (mexilloeiros), percebeiros, e demáis. Mais o anteproxecto de lei da acuicultura da Xunta logrou ese acordo... na súa contra. Esta fin de semana comezará a evidenciarse en público o que é un clamor dentro do sector do mar: é un proxecto contrario aos intereses do sector do mar de Galiza e que beneficia o desembarco de multinacionais da acuicultura industrial a costa de destruír e desprazar os sectores produtivos tradicionais. Confrarías, agrupacións de mariscadoras, colectivos da frota artesanal e asociacións mexilloeiros van dar roldas de imprensa para facer público este malestar.

“É un ante-proxecto de marcado carácter neo-liberal. Trata de facer co mar o mesmo que intentan facer en todo: privatizar”

“É un ante-proxecto de marcado carácter neo-liberal”, explícase nun documento dunha agrupación bateeira da Ría de Arousa que fai parte de Opmega, a principal organización do sector productor mexilloeiro. Coa Lei de Acuicultura a Xunta “trata de facer o mesmo que intentan facer en todo: privatizar”. Mais, privatizar o mar, é posíbel? Para os sectores produtivos das nosas rías a proposta do goberno galego demostra que si.

Substituír os sectores tradicionais por acuicultura industrial

As rías e a costa galega é unha fonte de riqueza económica: ducias de miles de empregos directos e inducidos, para alén de ser unha actividade sostíbel social e ambientalmente. “O problema xorde porque ocupan un espazo marítimo e marítimo-terrestre que é público e moi cobizado pola acuicultura industrial”, afírmase no documento. E iso é un obstáculo para os seus intereses. O borrador da lei procura, consideran confrarías e demáis sectores, “favorecer os intereses das grandes empresas”. Para iso, póñense as bases legais e administrativas que permitan que estes grandes grupos se vaian introducindo en detrimento dos sectores tradicionais.

A lei permíte expropiar calquer terreo litoral de interese para acuicultura industrial. Non fican a salvo os espazos naturais protexidos, nos que se poderán autorizar instalacións acuícolas.

A acuicultura industrial (AI) iría ocupando espazo das zonas declaradas aptas para a acuicultura, desprazando á acuicultura tradicional, marisqueo e baixura.

Forte impacto

A AI utiliza produtos farmacolóxicos e piensos non naturais. Iso implica un deterioro ambiental do medio mariño. Ademais, prohíbese a pesca no ámbito deses estabelecimentos acuícolas e contaminarán os recursos marisqueiros e pesqueiros da zona. Onde se ubica a acuicultura industrial só fica acuicultura industrial.

O instrumento para permitir esa instalación dos complexos de AI son os 'Plans sectoriais de ordenación' (PSO). Permiten a modificación beneficiando estabelecimentos de acuicultura industrial, creando dereitos “ad hoc” para a súa introdución e eliminando mecanismos administrativos de protección, como por exemplo a análise de incidencia ambiental. Os PSO para a parte litoral e zona terrestre terán incidencia supramunicipal polo que non se poderán parar desde os concellos por moito que prexudiquen gravemente os seus sectores produtivos, etc... O carácter de interés público declarado por esta lei permítelles tamén expropiar calquera terreo litoral ou terrestre que sexa da súa interese. Tampouco quedan a salvo os espazos naturais protexidos, nos que se poderán autorizar instalacións acuícolas.

Comentarios