165.565 empresas con actividade na Galiza carecen de persoal asalariado

As microempresas sumaron 89,9% do total das 4.413 compañías fechadas na Galiza.
Número de empresas galegas polo persoal ocupado nas anualidades de 2020 e 2021.
photo_camera Número de empresas galegas polo persoal ocupado nas anualidades de 2020 e 2021. (Infografía: Nós Diario)

A Galiza perdeu 4.413 empresas entre 2020 e 2021. Segundo os datos que acaba de facer públicos o Instituto Galego de Estatística (IGE), o país conta con 241.247 mercantís, das cales 165.565 non dispoñen de ningunha persoa asalariada. Precisamente, os fechamentos concéntranse naquelas compañías de menor tamaño.

A Galiza rematou 2021 con 241.247 empresas. As cifras achegadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para ese exercicio, última anualidade con datos, apuntan que ao longo dese ano 4.413 compañías cesaron na súa actividade. A este respecto, o IGE destaca que os fechamentos centráronse naquelas sociedades de menos de 250 persoas empregadas, aumentando o número de unidades produtivas con máis de 250 asalariados.

A crise das microempresas

As microempresas, aquelas mercantís con menos de 10 traballadoras e traballadores, son ampla maioría no tecido empresarial da Galiza. Segundo o IGE, 165.565 carecen de persoal asalariado, o que representa 68,6% do total das compañías galegas, 43.109 rexistran entre unha e dúas traballadoras e traballadores, 16.969 entre tres e cinco e 6.896 entre seis e nove. 

Os fechamentos

Un total de 3.925 microempresas cesaron na súa actividade entre 2020 e 2021. Un total de 1.595 dos negocios que fecharon carecían de persoal asalariado, 1.092 declararon entre un e dous empregados ou empregadas, 780 entre tres e cinco e 458 entre seis e nove. Precisamente, aquelas empresas que peor resistiron a situación nesta franxa foron as de menor tamaño.

As pequenas empresas, mercantís entre 10 e 49 traballadoras e traballadores, son un grupo moi reducido no país. Pertencen a esta categoría 7.379 sociedades, cunha clara maioría das compañías  incluídas na súa franxa baixa, rexistrándose entre 2020 e 2021 o fechamento de 433 mercantís nesta fracción de persoal 
asalariado.

Un total de 1.260 compañías teñen a consideración de mediana empresa. Neste caso, 777 declaran un cadro de persoal de 50 a 99 persoas, 385 de 100 a 254 e 98 de 249 a 499. Precisamente, nesta franxa de persoas asalariadas botaron o fechamento 56 sociedades.

A grande empresa, compañías con máis de 500 traballadoras e traballadores, é unha excepción na Galiza. Segundo o IGE, teñen esta consideración 69 sociedades, significando só 0,02 do tecido empresarial e sumando este grupo unha compañía máis que no exercicio de 2020.

A demografía empresarial galega

A demografía empresarial galega non presenta grandes diverxencias coa estatal ou coa media dos países da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE). O 96,3% das compañías galegas teñen a consideración de microempresas, só 1,6 puntos menos que a media estatal e 2,1 puntos menos que a media da OCDE. As diferenzas son máis evidentes con aquelas áreas máis desenvolvidas da Unión Europea, como Alemaña, onde as microempresas representan 82% do total.

O profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Gonzalo Rodríguez leva investigando durante anos sobre a demografía empresarial. Neste sentido, entende que o “característico da Galiza é a ausencia de empresas medianas, agás no sector pesqueiro” e destaca a necesidade das mesmas porque “adoitan estar moi ligadas ao territorio, teñen capacidade de crear emprego, innovan e son sensíbeis á súa realidade”. Advirte tamén do seu “problema de capitalización e da falla de músculo financeiro”.

O tamaño importa

Rodríguez destaca, en conversa con Nós Diario, que “estas empresas medianas son as que presentan máis dificultades en momentos de crise”. Nesta liña, apunta que “as grandes empresas, a minoría na Galiza e en todas partes, teñen o músculo suficiente para tirar para adiante, porén isto non acontece coas empresas medianas, moitas das cales están caendo en mans de fondos de investimento”. Estas últimas compañías, canda as microempresas, focalizan o groso dos ceses de actividade no país.

Comentarios