Galiza é a CCAA con máis empresas perigosas para a saúde do seu persoal

A Galiza é o territorio do Estado español con máis empresas que son "factor de risco" de enfermidades profesionais (EEPP) para as súas traballadoras e traballadores. No primeiro semestre de 2022, 17% destas sociedades estaban na Galiza, case dúas de cada dez.
Un traballador realiza labores nunha embarcación do porto de Burela, na comarca da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Un traballador realiza labores nunha embarcación do porto de Burela, na comarca da Mariña (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Seguridade Social conta co sistema Cepross, un servizo de alertas que ofrece a posibilidade de detectar aquelas empresas que superaron os límites de alerta estabelecidos a respecto da seguridade laboral. É dicir, localiza posíbeis "focos de risco" de EEPP (enfermidades profesionais), para facilitar unha maior eficiencia nas accións preventivas.

Co fin de detectar as empresas que deben ser obxecto de control para incrementar as medidas de prevención, definíronse límites de sinistralidade específicos por grupos de enfermidade profesional que estabelecen o número de traballadoras e traballadores afectados pola mesma doenza profesional, a partir do cal se considera que esa empresa reborda o límite de sinistralidade.

Para elaborar eses límites específicos téñense en conta toda unha serie de variábeis, desde o tamaño da empresa á distribución de EEPP por sectores, pasando por diferentes especificidades. De xaneiro a xuño de 2022, último período estudado pola Seguridade Social, hai 66 empresas no conxunto do Estado que entran nesa categoría. Delas, 10 son na Galiza, o territorio onde máis hai. Séguelle Andalucía, con oito, Catalunya, con sete, e Madrid, con seis. 

Os datos veñen confirmar o estudo a respecto de 2021 e no que tamén a Galiza ocupaba o primeiro posto. Das 171 empresas que superaron os límites de sinistralidade, 27 estaban na Galiza. A seguinte nesta lista, Catalunya, figuraba con 22 firmas.

De feito, en 2019 era Catalunya o territorio que encabezaba esta listaxe após desbancar a Galiza, que o era en 2018. Mais en 2020, a Galiza volveu ser a autonomía con maior número de empresas que supoñen un perigo para o seu persoal, ao igual que en 2021 e que no primeiro semestre de 2022.

Advertencia

Porén, desde os sindicatos poñen o dedo na ferida: as taxas e índices de sinistros laborais e enfermidades profesionais na Galiza e no Estado español non son compatíbeis con que apenas menos de 200 empresas figuren na listaxe das que sobrepasaron os 'límites'. "En moitos casos as enfermidades tramítanse como enfermidade común e non como producidas pola actividade profesional", apuntan. 

"Son as empresas as que deben declarar as enfermidades a través das mutuas colaboradoras da Seguridade Social e o que se está facendo é derivar ao sistema público a maioría de patoloxías de ámbito laboral", acrecentan.

Sinistralidade

A Galiza é o territorio do Estado onde máis incrementou a sinistralidade laboral. Os datos do Ministerio de Traballo e Economía Social sinalan que até setembro faleceron na Galiza 58 persoas, a cifra máis alta desde 2016. 

A CIG e CCOO demandan ás empresas que invistan máis en prevención de riscos laborais. 

As estatísticas facilitadas polo Ministerio de Traballo e Economía Social, realizadas con carácter bimensual, indican un incremento de 17% dos accidentes de traballo no período que vai de xaneiro a setembro de 2022 -respecto ao mesmo período de 2021-, lonxe por tanto do aumento que ten o conxunto do Estado español (13,3%) e á cabeza dunha listaxe na que tamén figuran Murcia (16%) e o País Valencià (14%).

Na Galiza, durante eses meses, tiveron lugar 20.919 accidentes. Deles, 320 graves e 58 remataron co resultado de morte (52 durante a xornada laboral e seis fóra dela). A cifra de falecementos de xaneiro a setembro é a máis alta desde 2016, cando morreron en accidente laboral 63 persoas. Outro dato a ter en conta é que a maior parte das persoas accidentadas eran asalariadas, 19.344, fronte ás 1.575 que eran autónomas. A incidencia da Covid-19, introducida nas estatísticas coa chegada da pandemia, case non influíu en 2022 nas baixas laborais.

Comentarios