Os beneficios empresariais medraron máis do dobre que os salarios en 2022

As marxes de beneficios empresariais sobre as vendas situáronse en 10,4% nos tres primeiros trimestres de 2022. As cifras representan un incremento de 52% en relación co nivel anterior a pandemia. A súa alza contrasta coa suba dos salarios, fixada para o anterior exercicio en 4,83%.
Xunta xeral de accionistas de Repsol, compañía cuxos beneficios se incrementaron en máis de 50% (Nós Diario).
photo_camera Xunta xeral de accionistas de Repsol, compañía cuxos beneficios se incrementaron en máis de 50% (Nós Diario).

As marxes de beneficios das empresas marcaron rexistros históricos en 2022. Segundo os datos procedentes do Informe de vendas, salarios e empregos en grandes empresas e pemes elaborado pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), representaron 10,4% para os tres primeiros trimestres do pasado exercicio. 

Neste sentido, lideraron toda a serie trimestral desde 2014 e situaríanse 28,9% por riba da media do período entre 2014 e 2019, cando marcaron 8,1%.

O incremento dos lucros empresariais reproducíronse en todos os sectores da actividade económica. A este respecto, desde o gabinete de estudos de CCOO lembran que “as marxes soben porque as empresas están a aumentar os seus prezos por encima do crecemento dos seus custos, fundamentalmente enerxéticos e laborais”.

Precisamente, isto está provocando a actual crise de prezos, até o punto de ser os responsábeis, en opinión dos economistas de Oxafam Intermon, de practicamente 90% da inflación.

Os beneficios das compañías do sector manufactureiro medraron en 9,3% en 2022.

Asemade, rexistraron unha suba de 26,4% nas actividades inmobiliarias, de 22,6% no transporte, de 10,5% nos servizos, de 9,6% na hostalaría e na restauración e de 8,2% na construción.

Nesta dirección, o gabinete de estudos de CCOO destaca que “as ramas que rexistran as máis importantes subidas nos seus beneficios nos tres primeiros trimestres do ano con respecto a 2019 son o comercio retallista (32,7%), hostalaría e restaurantes (29%), construción (121,7%), transporte e almacenamento (14,1%), e outros servizos á produción (34,2%)”.

Os resultados das grandes e medianas compañías presentaron importantes diverxencias coas pequenas empresas. A este respecto, o profesor de Historia e Institucións Económicas da USC Adrián Dios escribiu en Nós Diario que “son as empresas medianas e grandes quen teñen maior rendibilidade”, indicando que “o beneficio medido como a rendibilidade sobre o capital investido dunha empresa grande é 40% superior ao dunha microempresa”, isto é aquelas sociedades mercantís con menos de 10 traballadores. Estas compañías representan a inmensa maioría do tecido empresarial galego.

O sector enerxético e o sistema financeiro eríxense como un caso paradigmático disto. Así, nos primeiros nove meses de 2022, Repsol, Endesa, Naturgy, Cepsa e Iberdrola rexistraron un beneficio conxunto de 9.572 millóns de euros, un 52% superior ao obtido no mesmo período de 2021. Ao tempo, as seis maiores entidades de crédito do Estado español declararon unhas ganancias desde xaneiro a setembro de 2022 de 16.014 millóns de euros, 29,9% máis que no anterior exercicio.

A suba dos salarios foi moi inferior ao incremento dos lucros empresariais. Segundo os datos achegados polo Consello Galego de Relacións Laborais, nos primeiros 11 meses do pasado ano, as retribucións aumentaron de media na Galiza en 4,83%, ficando en 3,82% na Coruña, en 3,79% en Lugo, en 2,25% en Ourense e en 5,47% en Pontevedra.

A maiores, as alzas salariais foron de 6,56% naqueles convenios negociados fóra do ámbito provincial, destacando entre estes últimos os acordados para o sector da conserva ou do procesado de peixe.

Alzas salariais

Galiza rexistrou a maior alza salarial do Estado en 2022 pero este incremento representou menos da metade do experimentado polos beneficios empresariais. Así as cousas, o aumento das retribucións do traballo quedou nesa anualidade por baixo da alza da inflación xeral, situada en 6,4%, e da inflación subxacente, cifrada en 7%.

A perda de poder adquisitivo continuou o pasado ano. Só na anualidade de 2021, marcou unha baixada de 6% e no período de 2020 a 2008 unha caída de 11%. Porén, a perda de poder de compra foi para as traballadoras e traballadores públicos de 33% nos anos transcorridos de 2010 a 2024.

Comentarios