4.256 empresas con actividade económica na Galiza pagan os seus impostos en Madrid

A fuga de empresas galegas cara a Madrid continúa aumentando, de maneira que 4.256 compañías con actividade na Galiza pagaron os seus impostos na capital do Estado en 2021. Son 91 máis que en 2020. Unha parte destas sociedades lideran a facturación e a creación de emprego no país.
Ence (Foto: Europa Press).
photo_camera Ence, que ten a súa pasteira situada na ría de Pontevedra, paga os impostos en Madrid. (Foto: Europa Press)

Até 4.256 empresas con actividade na Galiza tributan en Madrid. Destas, segundo as cifras publicadas o pasado 30 de decembro polo Instituto Galego de Estatística (IGE) -referidas a 2021, último ano con datos-, 3.551 sociedades desenvolven a súa actividade no sector servizos; 364 na industria e na enerxía, dedicándose 264 á industria manufactureira e 51 á xeración eléctrica; 295 á construción, con particular presenza das enxeñarías e empresas de obra civil; 208 á hostalaría; 199 á información e comunicación; 170 ao sector das finanzas e seguros e 46 á agricultura e á pesca. 

Incremento en 2021

O número de sociedades galegas con sede fiscal en Madrid incrementouse en 91 no último exercicio, non deixando de medrar desde 2019. Mentres en 2021 foron 4.256 as persoas físicas e xurídicas con actividade na Galiza e con enderezo a efectos tributarios na capital do Estado, en 2020 foron 4.165 e en 2019 situáronse en 3.893.

Concretamente, en 2020 un total de 3.483 destas sociedades realizaron a súa actividade nos servizos, 357 na industria e na enerxía, 289 na construción e 209 na hostalaría.

Concentración industrial

As compañías galegas con enderezo fiscal en Madrid adoitan ser aquelas cunha maior facturación e número de traballadoras e traballadores. Neste sentido, 3.510 delas son persoas xurídicas, adoptando a forma de sociedade de responsabilidade limitada 2.385, e de sociedade anónima 1.127. Asemade, 133 declaran entre 100 e 250 traballadoras e traballadores, 61 entre 250 e 500 e 45 máis de 500 empregados e empregadas, o que representa 66,1% do total das empresas galegas nesa faixa de asalariados. Isto explicaría que en Madrid se asenten a efectos fiscais 44,5% das 1.000 maiores empresas do Estado, 50,4% das 500 máis grandes e 60% das 100 primeiras.

Un exemplo claro disto atópase no sector industrial. Así, a factoría de aluminio e alumina do grupo Alcoa en San Cibrao (Cervo), único centro de traballo desta multinacional no Estado, con máis de 1.500 empregados de forma directa e indirecta e un consumo eléctrico que representa perto de 23% do total da Galiza, paga os seus impostos en Madrid, onde a compañía ten a súa sede fiscal. Outro tanto acontece en Pontevedra coa pasteira de Ence, na Costa da Morte co grupo Xeal, cun cadro de persoal de máis de 500 traballadores, na Laracha coa siderúrxica de Celsa ou cos estaleiro de Navantia en Ferrolterra.

A historia repítese no sector enerxético. As tres primeiras compañías en produción de electricidade na Galiza son Iberdrola, cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts de orixe hidráulica e de 599,5 de carácter eólico; Naturgy, cunha potencia instalada de 1.120 megawatts hidráulicos e de 393,2 megawatts eólicos, e Endesa, con 375 megawatts hidráulicos e 262 eólicos.

As referidas empresas, en cuxo capital xogan un papel decisivo os fondos de investimento e as empresas públicas de Estados como Catar, Italia ou Alxeria, teñen a súa sede fiscal en Madrid, onde tributan polo imposto de sociedades.

A lóxica dos impostos

O proceso de concentración do enderezo fiscal das grandes empresas en Madrid  está asociado ao efecto sede. Neste sentido,  Madrid recada 49% de todos os impostos do Estado malia significar 19,3% do PIB estatal.

A este respecto, o economista Xosé Díaz indica que “o informe da Administración Estatal da Axencia Tributaria (AEAT) de 2020, último ano do que existen datos, sinala que en Madrid recádase, para simplificar, 42% de todos os impostos directos, 57% de todos os impostos indirectos e 51% das taxas, prezos públicos e outros ingresos: en conxunto 49% dos impostos e outros ingresos que forman parte do sistema fiscal español”.

O saldo fiscal de Madrid

Madrid ingresou en 2020 en concepto do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) 30.754 millóns de euros, que representan 48,5% do total recadado no conxunto estatal, cuxa contía situouse para ese exercicio en 63.336 millóns. Mentres tanto, Galiza, cuxo PIB representou nesa anualidade 5,74% do Estado, só ingresou polo IVE 4,20% do total español, 2.663 millóns. A este respecto, resulta significativo que practicamente a metade de todas as facturas con IVE xeradas en diversos puntos do Estado se paguen en Madrid.

A situación repetiuse co Imposto de Sociedades, un tipo impositivo pensado para gravar os beneficios empresariais. Neste caso, Galiza recadou 818 millóns de euros, ingresando Madrid 5.232 millóns, 33,5% do total estatal, malia representar 19,3% da riqueza do Estado.

Comentarios