Fútbol

O Xetafe de Bordalás volve ameazar o Celta na Liga

A polémica da primeira volta augura un público hostil no Coliseum Alfonso Pérez.
Os pupilos de Rafa Benítez regresaron onte aos adestramentos logo de dous días de descanso após vencer o Osasuna en Pamplona. (Foto: RC Celta).
photo_camera Os pupilos de Rafa Benítez regresaron onte aos adestramentos logo de dous días de descanso após vencer o Osasuna en Pamplona. (Foto: RC Celta).

O Real Club Celta regresou esta cuarta feira aos adestramentos logo de dous días de descanso que seguiron ao triunfo sobre Osasuna coa vista posta no seu próximo partido, o domingo ás 14 horas ante o polémico Xetafe de Bordalás.

Durante o encontro da primeira volta entre galegos e madrileños, que concluíu con empate a dous goles, o preparador celeste non tivo reparo algún en cuestionar as artes do equipo do controvertido preparador azulón, famoso por xogar sempre ao límite do regulamento e non escatimar en malas artes como simulacións ou perdas de tempo.

Visibelmente molesto, entre xestos de desgusto, Benítez farfallaba a rivais, colexiados e até consigo mesmo frases como "así ides acabar co fútbol, estragádelo", xerando unha evidente enfado en futbolistas contrarios como Mata ou Damián Suárez, quen chegou a negarlle o saúdo.

De aí que se agarde un ambiente máis que hostil para o Celta de Vigo no Coliseum Alfonso Pérez, ao que habería que engadir a baixa segura dun dos goleadores dese 2-2 de outubro, Bamba -que continua na Copa África-, e a moi probábel de Williot Swedberg, que segue recuperándose dunha rotura no sóleo.

Cambio de hora para o Celta Fortuna-Teruel

O segundo equipo olívico, que non sabe o que é gañar desde que se impuxese ao Club Deportivo Lugo no primeiro partido do ano e que acumula catro derrotas consecutivas, sufriu unha modificación horaria do partido que o medirá co Teruel este sábado, 10 de febreiro.

Deste modo, se orixinalmente o encontro ía disputarse ás 18 horas, agora será ás 16 por unha razón de peso: debido ao recente cambio de céspede de Balaídos o choque levarase a cabo en Barreiro, un recinto que non dispón de iluminación artificial, o que faría imposíbel concluír o partido antes de que caia a noite.

Precisamente ese novo verde de Balaídos continúa o seu proceso de recuperación despois de que a entidade presidida por Marián Mouriño decidise cambialo por cuarta vez no que vai de tempada, implantando un céspede procedente de Portugal que terá a súa primeira proba o 17 de febreiro ante nin máis nin menos que o Fútbol Club Barcelona.

Comentarios