VÍDEO

Así soou o Himno galego en Balaídos no Celta Fortuna-Dépor

Os branquiazuis voltaron á Coruña cos tres puntos no peto.
Momento no que os xogadores saltaron ao céspede de Balaídos co himno da Galiza de fondo. (Foto: RC Celta)
photo_camera Momento no que os xogadores saltaron ao céspede de Balaídos co himno da Galiza de fondo. (Foto: RC Celta)

O estadio de Balaídos viviu este domingo unha xornada histórica, pois por primeira vez acolleu dous partidos nun mesmo día. O primeiro, o do Celta de Rafa Benítez ante o Girona, que se saldou con vitoria pola mínima dos cataláns (0-1) e unha notábel melloría no xogo dos locais que, con todo, resultou insuficiente para sumar.

O segundo, a cita máis agardada na Primeira Federación: o derbi galego entre o filial celeste, o Fortuna, e o Real Club Deportivo. Desta volta, após venceren os vigueses en Riazor no partido da primeira volta (0-1), o equipo coruñés marchou da cidade olívica cos tres puntos no peto asinando un axustado 1-2, con goles de Pablo Vázquez e Rubén López e unha tardía reacción do Celta por medio de Manu Garrido.

E con motivo dun encontro tan especial, a Oliveira dos cen anos non foi o único que soou polos altofalantes de Balaídos, pois tamén fixo acto de presenza, nos momentos previos a que rodase o balón, o Himno da Galiza. Celtistas e deportivistas uniron as súas gorxas para cantalo ao unísono antes de comezar a animar a cadanseus futbolistas.

Esta é a cuarta tempada na que se produce este enfrontamento, e o balance até o momento é positivo para o Dépor, que suma catro vitorias por volta doutras tres para o Fortuna e un único empate, tamén en Balaídos e no pasado curso.

Comentarios