Volven os Premios do Deporte da Deputación da Coruña

A segunda edición dos galardóns será en 2024.
Os premios entregáronse en marzo do presente ano 2023. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Os premios entregáronse en marzo do presente ano 2023. (Foto: Deputación da Coruña).

En 2024 regresarán os Premios do Deporte Deputación da Coruña, alcanzando así a segunda edición uns galardóns cos que a institución provincial busca "recoñecer a actividade dos deportistas, equipos e entidades que destaquen pola súa traxectoria deportiva, os logros acadados e a súa contribución ao fomento da práctica deportiva". 

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou esta terza feira as bases destes recoñecementos, aos que poderán presentar candidaturas todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan relación ou estean interesadas na práctica ou promoción do deporte. Ademais, os membros que formen parte do xurado poderán presentar candidaturas ao resto dos electores.

En total estabelécense 15 candidaturas diferentes de premios: Mellor Deportista Masculino, Mellor Deportista Feminina, Mellor Deportista Veterano Masculino, Mellor Deportista Veterana Feminina, Mellor Deportista Promesa Masculino en Categoría Base, Mellor Deportista Promesa Feminina en Categoría Base, Mellor Deportista con Diversidade Funcional Masculino, Mellor Deportista con Diversidade Funcional Feminina, Mellor Adestrador, Mellor Arbitra ou Xuíz, Mellor Entidade Colaboradora, Mellor Evento Deportivo, Mellor Entidade na Promoción do Deporte de Base, Mellor Entidade na Promoción do Deporte Inclusivo e o Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.

Ademais, o xurado resérvase o dereito de realizar até catro mencións, "sempre que o considere oportuno", para aquelas persoas ou entidades que desenvolvesen "unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada".

Os premios consisten nun galardón conmemorativo e un diploma acreditativo, a maiores do "recoñecemento social que a Deputación promoverá a través dos medios de comunicación e das súas redes sociais".

Con respecto ao prazo de presentación de solicitudes, este  iniciarase o 10 de xaneiro de 2024 e rematará o 31 de xaneiro ás 14 horas da tarde, e as solicitudes deberán ser tramitadas sempre de forma telemática a través da sede electrónica da Deputación.

O xurado estará presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, xunto con cinco xornalistas deportivos "ou persoas de recoñecido prestixio" no ámbito do deporte.

Comentarios