A campaña do 25-N da Deputación da Coruña pon o foco nas violencias machistas en contextos de lecer e na festa

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, presentou esta terza feira a programación que se desenvolverá arredor do 25N, que inclúe accións específicas dirixidas á mocidade e outras máis xenéricas.
igualdade 25-n deputacion coruña
photo_camera Presentación da campaña 'De fronte', esta terza feira. (Foto: Deputación da Coruña)

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, presenta un novo lanzamento da súa campaña institucional do 25 de novembro, DE FRONTE á violencia de xénero co obxectivo de incidir na sensibilización e concienciación da mocidade. Centrándose nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e nas actividades do lecer nocturno, inclúe diferentes accións específicas en torno a este obxectivo, e outras máis xenéricas dirixidas á poboación xeral.

"As agresións sexuais en contextos de ocio nocturno estanse dando cada vez máis habitualmente e normalizando" apuntaba a deputada de igualdade. "É unha situación moi grave na que poñemos o foco, porque queremos que as nosas rapazas non teñan medo a saír, e poidan divertirse con tranquilidade e seguridade", engadía.

Nunha iniciativa á que están adheridas 91 concellos, 82 entidades sociais e 35 centros de ensino, a Deputación pon á súa disposición, e tamén á do público en xeral, diferentes recursos como documentación, vídeos, e guías de actividades, entre outros, para traballar conceptos básicos sobre violencia de xénero con distintos colectivos, así como a posibilidade de descargar a imaxe gráfica da campaña en diferentes formatos. No eido da celebración do 25N, a área de igualdade da entidade provincial desenvolverá unha serie de actividades que a continuación se detallan.

Programación

Obradoiros. Levaranse a cabo un total de 14 obradoiros formulados en positivo, cunha duración mínima de 2 horas, onde cuestionar mensaxes e hábitos que alimentan as violencias sexuais en contextos de lecer e festa. Dirixidos a alumnado de IES da provincia, colectivos e asociacións xuvenís e persoas usuarias de centros de atención á diversidade, farase uso de ferramentas TIC para realizar unha pequena peza audiovisual en formato stop motion con legos.

Acto institucional. Na mañá do 24 de novembro terá lugar no hall do Pazo Provincial da Deputación un acto institucional que contará coa presenza do dúo Camaño&Ameixeiras, que lerán un texto propio e interpretarán dúas pezas en formato acústico. Ademais, haberá unha declaración institucional.

Acción nas rúas. Co obxectivo de visibilizar situacións reais de agresións sexuais, nas rúas de Santiago, Cee, A Coruña e Ferrol levarase a cabo a acción #RompeOSilencio, a través da que se recollerán testemuñas anónimas que anotarán nun papel as súas experiencias que queiran compartir e posteriormente depositarán nunha furna.

Pílulas dixitais a pé de rúa. Crearanse breves vídeos divulgativos coas testemuñas de situacións reais recollidas na acción #RompeOSilencio. Compartiranse na web e nas redes sociais.

A campaña DE FRONTE á violencia de xénero inclúe, un ano máis, diferentes accións para incidir na concienciación e sensibilización dun público clave como é a mocidade, a través da divulgación dende unha mirada en positivo.

Comentarios