Volve a Copa Galiza sénior feminina de baloncesto

O torneo de baloncesto reunirá a seis equipos e nesta ocasión será en setembro, nunha sede aínda por confirmar. 
As xogadoras do Baxi Ferrol, aplaudindo ao seu público na Malata (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera As xogadoras do Baxi Ferrol, aplaudindo ao seu público na Malata (Foto: Baxi Ferrol).

A Federación Galega de Baloncesto (FGB) anunciou onte o formato que terá a XXXV Copa Galiza Sénior Feminina, a realizar ao longo do mes de setembro. Segundo explican nun comunicado feito público por este organismo, a competición que iniciarase coa posta en marcha dunha Fase Previa protagonizada polos equipos galegos de Liga Feminina 2: CB Arxil, Maristas A Coruña e Mariscos Antón Cortegada.

Os tres disputarán unha liga a unha volta con data última para a súa conclusión no 17 de setembro. O equipo mellor clasificado desta previa pasará directamente á Fase Final, en cuxas semifinais xa teñen un posto directo Durán Maquinaria Ensino, como representante na Liga Feminina Endesa; e Celta Zorka Recalvi xunto a Baxi Ferrol como equipos de LF Challenge. 

O 23 de setembro é a data marcada para a disputa das semifinais. Nestas, a orde de enfrontamentos directos para os equipos de LF Challenge decidirase por sorteo.

A realización da Final queda, pola súa parte, marcada para o 25 de setembro. Faltaría por coñecer a sede para esta Fase Final nunha edición que buscará dar o relevo ou repetir o campión de 2021: o Club Universitario de Ferrol

Historia da Copa Galiza

A Copa Galiza naceu en 1986 coa primeira edición da competición sénior masculina. Na súa xestación participaron os equipos galegos que daquela formaban parte da chamada Primeira División Estatal de Baloncesto: eran o OAR Ferrol, o Club Ourense Baloncesto, o CAB Obradoiro compostelán e mais o Breogán de Lugo. Francisco García Sánchez era entón o presidente da FGB.

O primeiro vencedor fora o Leite Río Breogán, que na actualidade é o club máis laureado da Copa Galiza ao quedar campión en once ocasións. Desde aquel ano, o torneo sénior masculino realizouse ano tras ano sen interrupción. En 1989 tivo lugar o primeiro feminino, aínda que a súa organización non se estabilizou até mediados dos anos noventa.

Co tempo, a Copa Galiza foi medrando e abranguendo cada vez máis categorías, até se converter no torneo galego non ligueiro de referencia que é na actualidade. 

Comentarios