O Obradoiro homenaxea os seus adestradores

Dentro dos actos de celebración dos 50 anos de existencia do  Monbus Obradoiro, o club lembrará esta fin de semana no partido contra o Gran Canaria (domingo, 20 horas) os responsábeis de dirixir os diferentes equipos. Algúns deles estarán no acto e aínda recordan o seu paso polo baloncesto e a entidade da capital.
Pepe Casal, no centro, foi preparador, adestrador e secretario técnico do Obradoiro CAB (Obradoiro CAB).
photo_camera Pepe Casal, no centro, foi preparador, adestrador e secretario técnico do Obradoiro CAB (Foto: Obradoiro CAB).

A historia do Obradoiro CAB non se podería explicar sen as persoas que pasaron por el. Dentro do seu gran conxunto humano figuran os técnicos que dirixiron xogadores e marcaron estratexias con mellor ou peor fortuna. Por este motivo, o club celeste anunciou un merecido recoñecemento cara aos seus adestradores para este domingo coincidindo co encontro co Gran Canaria.  

Na 'Caldeira de Sar' renderase homenaxe a Raúl Víctor López ‘Vitolo', José Manuel Couceiro, Carlos Lamela, Jorge Peleteiro, Pepe Casal,  Todor Lazic, Julio Bernárdez, Alfonso Rivera, Manuel Fernández Rey ' Pirulo', José María Malvar, Javier Lorenzo, Tim  Shea, Pepe Martínez Casal, Óscar Martínez, Emilio Suárez, Nacho Parajuá, Curro Segura, Fernando Valenzuela e Tonecho Lorenzo

Historias desde o banco celeste

O banco dun club de baloncesto ten moitas historias que contar. Nestas cinco décadas os adestradores que por el pasaron tiveron que enfrontarse a diferentes situacións polas que pasou o equipo desde a súa fundación.

Algunhas podería contalas Pepe Martínez que sempre estará presente na historia do club ao ter o récord de ser o adestrador que máis tempadas á súa fronte do banco: doce. "Sempre é unha alegría que se acorden de un e máis estando tantos anos neste club", asegura Martínez e lembra que esta etapa da súa vida "foi unha aventura apaixonante, unha travesía polo deserto desde as categorías máis baixas até chegar á elite do baloncesto".

O seu caso é moi particular. "Era afeccionado e logo pasei a formar parte do club e recordo os máis de vinte anos con moito orgullo e satisfacción do traballo ben feito e cumprido, ademais de virme á mente todos os xogadores que tiven ao meu cargo e toda a axuda que nos prestou tanta xente", explica. Botando a vista atrás atopa semellanzas coa actualidade.

"Agora tamén o dicides e creo que é algo que se mantivo ao longo da historia do club: Sempre fomos unha familia. E esa foi a chave de poder resistir e cumprir os obxectivos. Os anos como adestrador foron de baloncesto amador, que é diferente ao profesional de agora.

Pero ao final todos os equipos teñen un compoñente de unión, duns valores de solidariedade entre o grupo. Se iso non se cumpre, sexas ou non profesional, non serve de nada", asegura. Entre os seus mellores momentos escollería "o ascenso a Primeira Nacional en 2004 porque foi moi importante. Devolviamos o club á categoría que perdera". 

Unha homenaxe que se agradece

Outro dos homenaxeados será Javier Lorenzo. Séntese "agradecido de que desde o club se lembre aos adestradores que pasamos por alí". Tamén ten moitas historias que contar. Javier chegou ao Obra en 1990 para adestrar o equipo na 1ª División, mais un problema coa recepción do aval excluíu o Obradoiro da Primeira B e o club tivo que militar en Autonómica esa tempada (1990-91). O  ex adestrador confesa que "ao principio foi duro, mais foi unha escola moi boa.

Tivemos que levantar un grupo de xogadores que estaban na mesma situación que ti e conseguir un traballo día a día, de afrontar os partidos nunha categoría na que practicamente non tiñas rival. E conseguimos facelo cunha seriedade tremenda". Do seu paso polo Obra afirma que lle deixou varias cousas.

"A primeira é a amizade porque é algo que sempre estivo presente, non só entre o corpo técnico, senón tamén cos xogadores e os directivos. A segunda é iso que todos resumimos na palabra 'obradoirismo', é algo que temos. Os que pasamos polo Obra e xuntámonos cada ano é algo que notamos". 

Outro caso é o do técnico Curro Segura, que non poderá estar na homenaxe deste domingo ao atoparse traballando en Grecia, que viviu o momento do regreso do club á ACB en 2009. "Por desgraza, tivemos moitas lesións e non conseguimos manter a categoría, mais na lembranza quedan as vitorias en casa, o debut diante o Barcelona no que acababa de fichar Ricky Rubio coa enorme repercusión mediática que tivo, as vitorias diante Unicaja, o Real Madrid, a Penya... Partidos nos que a xente en Sar gozou co equipo. Tamén o recordo do  Miudiño, que aínda se me poñen os pelos de punta. Iso queda gravado para sempre".

Comentarios