Obra e Breo baixan o pano dunha campaña na ACB case insuperábel

Ambos os equipos seguirán un ano máis na máxima categoría do baloncesto estatal.
A festa foi total en Lugo (Foto: Deputación de Lugo).
photo_camera A festa foi total en Lugo (Foto: Deputación de Lugo).

Obxectivo conseguido. Cando comezou a Liga ACB, hai hoxe exactamente oito meses, todos e todas as seguidoras dos dous equipos galegos na máxima categoría do baloncesto estatal asinarían a permanencia, algo que o Monbus Obradoiro de Compostela certificou definitivamente no partido previo ao feche do torneo e que o Leite Río Breogán de Lugo xa lograra hai varias semanas.

Con respecto á escuadra capitalina, perdeu na casa ante Valencia Básket (85-89) nun encontro no que o único que estaba en xogo para ela era deixar un bo sabor de boca na afección até a próxima tempada.

A próxima tempada terá, mínimo, dous equipos galegos na ACB

Porén, os visitantes chegaron a estar máis de 15 puntos por diante logo do terceiro cuarto, mais da man de Phil Scrubb -irmán de Thomas Scrubb, que recibiu o premio a Mellor Xogador da Tempada- o Monbus Obradoiro protagonizou unha lenta pero progresiva e sólida remontada que tan só o cronómetro foi quen de impedir, pois a bucina decretou o final cando tan só estaban a catro puntos de distancia da formación levantina.

A un paso do soño

E se o Obra quedou sen tempo, algo semellante aconteceu co Leite Río Breogán, o equipo revelación da competición, que na súa primeira tempada en ACB tras conseguir o ascenso quedou a tan só un triunfo de alcanzar unha histórica clasificación para disputar o play-off polo título ligueiro.

A sensación, con todo, non foi de tristura por deixar escapar unha oportunidade única, ou polo case seguro adeus do bosníaco Džanan Musa, votado polas fans como MVP da ACB, senón de alegría polos logros conseguidos, como demostraron na recepción ao equipo na Praza de Santa María e no Pazo durante a vitoria final ante o Unicaja (93-84). 

Comentarios