Baxi vs Ensino: derbi galego na elite do baloncesto

A escuadra gañadora deste duelo entre dous equipos instalados na zona baixa sairá moi reforzada.
O Baxi Ferrol conta co factor campo ao seu favor (Foto: Baxi).
photo_camera O Baxi Ferrol conta co factor campo ao seu favor (Foto: Baxi).

O Pavillón Municipal da Malata acolle hoxe a partir das 16 horas da tarde o duelo máximo do baloncesto feminino galego entre as dúas únicas representantes do país na máxima categoría, Baxi Ferrol e Durán Maquinaria Ensino. A pesar de que as visitantes chegan nunha situación un pouco mellor, pois figuran na décimo segunda posición da táboa cunha vitoria máis que o Baxi, o factor campo e a calor da afección poderían chegar a ser determinantes.

Para este encontro a escuadra ferrolá recupera dúas pezas importantes, Suné Swart e Jenna Allen, mentres que a lucense tamén conta coas altas de María e Oma, nomes que poderían axudar a elevar o nivel dun espectáculo que o técnico do conxunto Departamental, Lino López, agarda que contribúa a que “cada vez se sume máis xente ao baloncesto feminino galego”.

Con respecto ao Durán Maquinaria Ensino, o seu responsábel técnico, Miguel Ángel Ortega, afirmou que hoxe escribirán “historia do baloncesto”, aínda que se laiou dun horario que non ve “moi favorábel ás xogadoras”.

O partido da polémica disputarase o 16 de decembro

Sen deixar a elite do básquet, aínda que neste caso do masculino, o Leite Río Breogán xa ten data para a disputa do partido adiado ante o Bilbao a pasada fin de semana a causa do fallo no marcador de 24 segundos. Será na vindeira quinta feira, 16 de decembro, concretamente ás 20 horas. Así o decidiu o Xuíz Único da Liga ACB, descartando a posibilidade de concederlle a vitoria ao conxunto galego.

Isto implica un claro prexuízo para os celestes, pois por estarán forzados a participar nunha maratón que comeza tan cedo como mañá ás 12.30 horas ante un rival directo na loita pola clasificación para a Copa como é Morabanc Andorra, e que continuará o domingo 19 ante outro dos pesos pesados da ACB, Valencia Básket.

E, como se adoita dicir, “cando as barbas do teu veciño vexas pelar...”. O outro equipo galego na máxima categoría, Obradoiro, debería observar moi atento a situación que está padecendo Breogán, pois o gromo de Covid-19 detectado no seu próximo rival, precisamente un Valencia Básket ao que ten previsto visitar mañá ás 20 horas, podería obrigar á súa suspensión nas próximas horas e obrigar a comprimir o seu calendario de partidos.

Comentarios