ciclismo

A Volta á Galiza arranca cunha contra o reloxo

A etapa terá saída e final na Pobra do Brollón.
Vicente Rojas (á esquerda) é favorito para a xeral. (Foto: Vuelta a Salamanca)
photo_camera Vicente Rojas (á esquerda) é favorito para a xeral. (Foto: Vuelta a Salamanca)

Ás 18 horas da tarde desta quinta feira comezará oficialmente a vixésimo primeira edición da Volta á Galiza. Para abrir fogo, a organización apostou por unha etapa contra o reloxo de 6,7 quilómetros con saída e final na Pobra do Brollón (Terra de Lemos). O certame ciclista promete revolucionar unha localidade situada a medio camiño entre a Ribeira Sacra e o Courel e que conta con pouco máis de 1.500 habitantes. Os corredores non abandonarán en ningún momento as vías da vila.

Con inicio e meta na Avenida da Galiza, os altos da Pousa e de Santa Lucía, con ramplas superiores ao 10% de desnivel e que se subirán aproximadamente no ecuador da tirada, prometen ser determinantes á hora de estabelecer as diferenzas entre os candidatos ao triunfo na etapa.

Nesta ocasión tomarán a partida nunha carreira que conserva o seu carácter amateur un total de 112 participantes de 16 equipos distintos, oito deles galegos: Supermercados Froiz, High Level Gsport Grupo Innova Tormo, Vigo-Rías Baixas, Louriña Team XE, Retelec-Ambilamp, Padronés Cortizo, Team Oiense-Escola Estévez e o Club Ciclista Vigués.

Entre os favoritos ao triunfo final destacan os líderes de varias das formacións do país, como Saúl Burgos (Froiz), Jason Huertas (Louriña Team XE), Asier González (Vigo Rías Baixas), Carlos Collazos (High Level) ou Sergio Chumil (Cortizo), así como Haimar Etxeberría (Koldo) e Edgar Cadena (Telco'm-ON Clima Osés).

A Copa Galiza de 'pumptrack' baixa o pano

A Cidade das Burgas acollerá o próximo domingo, 17 de setembro, o I Pumptrack Concello de Ourense-Copa Galiza. Organizado polo Maese Riders Team, a proba desenvolverase no circuíto de pumptrack do Parque das Letras, na rúa do Bispo Lourenzo, a partir das 11 horas da mañá.

A carreira, na modalidade de BMX e con bicicletas de 20 polgadas, reunirá participantes de todas as categorías con licenza federativa tanto masculina como feminina que loitarán por rexistrar o mellor tempo ao longo de dúas mangas. A maiores, o I Pumptrack Concello de Ourense terá a condición de derradeira proba no calendario da Copa Galiza, polo que unha vez que conclúa está prevista a entrega de premios aos e ás deportistas que suban ao podio.

Comentarios