16 equipos pelexarán pola Volta á Galiza

Regresa a Volta Ciclista á Galiza, que alcanza a súa edición número 21, e faino cun percorrido de máis de 400 quilómetros que promete achegar o mellor ciclismo elite e Sub-23 ás estradas galegas entre o 14 e o 17 de setembro.  
 
O corredor galego puxo fin recentemente a unha carreira de dous décadas sobre a bicicleta que o levou a ser un ídolo en Portugal. (Foto: FCG).
photo_camera O corredor galego puxo fin recentemente a unha carreira de dous décadas sobre a bicicleta que o levou a ser un ídolo en Portugal. (Foto: FCG).

A Federación Ciclismo Galego (FCG), entidade organizadora da rolda, optou polo continuísmo neste 2023, conservando o carácter afeccionado que a caracteriza desde a súa desaparición do calendario profesional no ano 2000, por manterse no programa de carreiras do mes de setembro e polo reducido formato de catro etapas, en lugar das cinco que a conformaban nas súas orixes.

Nun acto de presentación que tivo lugar na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, e que contou coa presenza do presidente da FCG, Juan Carlos Muñiz; o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta da Galiza, Diego Calvo; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o máximo responsábel da Federación fixo fincapé na "ilusión" que supón para a súa entidade promover "unha proba do máximo nivel dentro do calendario estatal da súa categoría", como demostra o feito de que "até 30 motoristas e seis axentes con misións loxísticas" conformen o dispositivo de seguridade e tráfico. 

Muñiz tamén confirmou que serán 112 ciclistas de 16 equipos diferentes os que tomen a saída o 14 de setembro, sendo a metade deles da Galiza: Supermercados Froiz, High Level Gsport Grupo Innova Tormo, Vigo-Rías Baixas, Louriña  Team XE, Retelec-Ambilamp, Padronés Cortizo, Team Oiense-Escola Estévez e o Club Ciclista Vigués. Todos eles medirán forzas con Eolo Kometa, Gomur Cantabria, Nesta MMR, Kern Pharma, Bembibre, Extremadura, Telco’m On Clima Osés e Caja Rural Alea. 

Ademais, a carreira estará dedicada a homenaxear a figura dun dos grandes nomes do ciclismo galego no que vai de século, Gustavo César Veloso, que colle así a remuda de Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Magín Froiz ou Guillermo Sande. O actual director do equipo luso Tavfer-Ovos Matinados Mortágua non puido desprazarse até a Cidade da Cultura por atoparse inmerso no Gran Premio JN portugués.

Un percorrido 'rompepernas'

O percorrido da Volta á Galiza arranca con dúas xornadas na Pobra do Brollón. Esta localidade da Terra de Lemos acollerá o 14 unha contra o reloxo individual de 6,7 quilómetros e, ao día seguinte, será o punto de saída e de chegada dun itinerario de 148 quilómetros que inclúe tres portos de montaña.

A primeira tirada será unha toma de contacto que permitirá aos corredores exhibirse ante a afección a partir das 18 horas, mentres que a segunda adquire as características desas etapas que os profesionais denominan "rompepernas", caracterizada pola dureza dun circuíto propicio para unha escapada.

Xa o 16 de setembro o pelotón abandonará a Pobra do Brollón en dirección Pobra de Trives, nunha tirada de 138 quilómetros que o ciclista do Oiense Nando Lópes considera que será "a máis dura da Volta", prevendo "grandes diferenzas na meta que servirán para sentenciar e distanciar ao gañador da clasificación xeral".

Por último, o domingo 17 a proba baixará o pano en Pontevedra despois de subir tres portos de montaña ao longo de 133 quilómetros.

Comentarios