CICLISMO | Entrevista

Gustavo César Veloso: "O meu maior triunfo foi a xeral da Volta a Catalunya"

O de Gustavo César Veloso (Vilagarcía de Arousa, 1980) é un dos nomes máis destacados do ciclismo galego no que vai de século. Tanto, que a próxima edición da Volta á Galiza estará dedicada á figura do actual director do Tavfer Mortágua-Ovos Matinados, que repasa a súa extensa carreira nesta entrevista.
O de Vilagarcía, no seu novo habitat, o coche. (Foto: Tavfer Mortágua Ovos Matinados).
photo_camera O de Vilagarcía, no seu novo habitat, o coche. (Foto: Tavfer Mortágua Ovos Matinados).

—A Volta Ciclista á Galiza que bota a rodar o próximo 14 de setembro será en homenaxe a Gustavo César Veloso. Que se sinte?
Con toda a tradición que ten, é moi bonito que se acorden dun. A verdade é que non teño queixa (ri). Sempre me sentín moi querido e ben tratado na Galiza e no ciclismo galego.

—Trátase dun recoñecemento a unha carreira única de dúas décadas sobre a bicicleta que, como un bo porto de montaña, tivo altos e baixos. Por exemplo, pouca xente lembra que nos seus inicios chegou a vestir o maillot amarelo do Tour do Porvenir.
Uff, queda tan atrás iso xa... para 2024 fan 20 anos. Todos os deportistas temos momentos mellores e peores, e unha carreira tan longa como a miña non ía ser menos, pois tívenos moi malos e moi bos, e ese foi un deles. 

—A última edición da Vuelta a España chegou a un lugar que sen dúbida é moi especial para vostede, Xorret de Catí, onde gañou unha etapa no 2009. Recordo que Rein Taaramäe collera moita vantaxe nun porto con ramplas de até 20%, pero que vostede seguiu ao seu ritmo, remontando posto tras posto na ascensión. Que lembra daquel día?
Todo. Podería describir a etapa enteira como se fose onte, queda marcada na memoria de todo ciclista que consigue unha vitoria así. Lembro que non foi que eu fora buscar Taaramäe, se el fose quen de manter o ritmo co que saíu durante o porto enteiro, xa o viamos na meta, pero foi a menos, e con esa motivación de ir recuperando postos aproveitei a oportunidade para gañar.

—Foi esa a súa maior vitoria? Ou queda coa Volta a Catalunya?
A nivel mediático a etapa da Vuelta a España foi a que me deu a coñecer, pero un ano antes lograr a xeral da Volta a Catalunya foi algo moi complicado. Todas as vitorias son extremadamente importantes, porque hai que sualas moito, pero a nivel económico e deportivo diría a Volta a Catalunya, porque foi un punto de inflexión: catapultoume, deume un caché e fixo que crese máis en min. 

—Como pensar que pouco despois chegaría a desaparición do equipo Xacobeo. Que fixo nese ano no que permaneceu fóra do ciclismo profesional, até a súa fichaxe polo Andalucía?
Non corrín en ningún equipo, estiven un ano enteiro adestrando sen competir porque consideraba que con 30 anos, e vindo de gañar o que gañara, de pelexar pola xeral da Volta a Portugal con Mosquera... o meu lugar non era no campo amateur, quitándolle o lugar a un rapaz.  

—Posteriormente encontrou acomodo no ciclismo portugués -que xa coñecía da súa etapa a principios de século no Carvalhelhos Boavista-, gañando incluso por dúas veces a Volta Portugal e botando raíces até o punto de que alí continúa desenvolvéndose profesionalmente na actualidade. Que o namorou dese ciclismo?
Iso de principios de século, que mal soa (ri). Pero si, despois do que me custara volver ao campo profesional, cando desapareceu Andalucía no 2012 e vendo o complicadas que se estaban poñendo as cousas en España non o pensei e vin para Portugal coa idea de estar un só ano. Non quería deixar o ciclismo cun mal sabor de boca, porque en Andalucía non rendera ao meu nivel, pero en 2013 recuperei o que tiña no Xacobeo e conseguín iso que mencionabas na túa pregunta, logrando correr até 2021, cando a cabeza mandou parar.

O portugués é un ciclismo moi bonito, diferente, non tan controlado como en España, onde ademais hai unha maior presión e responsabilidade gañando o mesmo ou incluso menos. Pode que me acomodara, non o sei, pero preferín non saír de aquí.


A crise do ciclismo profesional na Galiza

O ciclismo profesional galego en estrada está vivindo un momento complexo, algo que Gustavo César Veloso atribúe a "unha cadea" de factores. "Hai unha carencia importante na base; non temos suficientes cadetes nin xuvenís que despois nutran os equipos amateurs, que teñen que recorrer a corredores de fóra porque aquí non hai", explica, engadindo que "en cada chanzo desa cadea se van perdendo ciclistas".

Ademais, demanda "máis investimento na canteira, que existan máis equipos nas categorías de formación e máis carreiras para os rapaces". "E, evidentemente, se tes un equipo profesional [como era o desaparecido Xacobeo no que corría, entre outros, o propio Veloso] no que mirarte, ese é o espello no que os rapaces se ven reflectidos, no que poden soñar con chegar a ser ciclistas, e iso é supón unha gran motivación", conclúe.

Comentarios