Vinte e un equipos disputaranse en Cartelle o premio de fútbol sala feminino mellor dotado

A Terra de Celanova acolle o terceiro maratón cunha recompensa de 7.000 euros.
Un partido da edición anterior do Maratón de Fútbol sala Feminino Outomuro Cartelle (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un partido da edición anterior do Maratón de Fútbol sala Feminino Outomuro Cartelle (Foto: Nós Diario).

O municipio de Cartelle (comarca de Terra de Celanova) converterase desde esta sexta feira, e durante toda a fin de semana, na capital do fútbol sala feminino da península Ibérica. Por terceiro ano, o polideportivo Outomuro da localidade acolle un maratón deste deporte que este ano reunirá un total de vinte e un equipos da Galiza, Portugal, Madrid, Castela-A Mancha e Castela León

O responsábel da organización, José Ángel Baliñas, máis coñecido por Taffa, explica a Nós Diario que a competición comezou cunha recompensa de 5.000 euros que foron subindo até os actuais 7.000 euros, “o maior premio nunha competición deste tipo no mundo”.

Este deportista fundamenta a importancia económica do premio pola súa propia experiencia. “Xogando torneos de verán decateime de que os maiores premios eran para as categorías masculinas, cando as mulleres pagaban a inscrición igual que os homes”, di.

A iniciativa callou e a participación foi potente desde a primeira edición, “con cincocentas deportistas concentradas”, un número que Taffa recoñece que é “difícil de xestionar”. Para as vindeiras edicións agarda poder "mellorar aínda máis a cifra económica, non queremos quedarnos na que temos na actualidade". 

No éxito do maratón tamén contan as instalacións e as facilidades que se dan ás participantes. “O polideportivo é cómodo e ten perto as piscinas, ademais da zona de acampada do Mundil” polo que considera normal que os equipos que viñeron queden con ganas de repetir”.

As portuguesas, favoritas

Oito dos equipos que participan son portugueses e entre os favoritos está, precisamente, o Aguias de Santa Marta do Porto que tentará revalidar o trofeo do ano pasado, e o Futsal Feijó de Almada, gañador do primeiro. Por parte galega teñen opcións varios equipos.

O vigués de Afundación, o ourensán Cidade das Burgas “e un equipo (chamado Las impresentables) formado por varias xogadoras internacionais no que xoga Luci Gómez, do Poio Pescamar, tricampioa coa selección española”.

En opinión de Taffa, o estado de saúde do fútbol sala feminino na Galiza é agora mesmo “incríbel”. Afirma que no país “podemos ter o orgullo de contar cun equipo campión como é o Peixes Rubén Burela”, non só no deportivo, senón tamén como “pioneiro polo convenio que asinaron no seu momento coas xogadoras en relación á igualdade”. Ademais, apunta que “case todos os equipos na Galiza son practicamente profesionais, cunha gran capacidade para loitar nas máximas categorías”.

O espectáculo, para o responsábel da organización "está garantido" e a promoción da igualdade neste deporte tamén.

Comentarios