O fútbol feminino galego medra e suma xa 8.750 licenzas esta tempada

As licenzas de fútbol feminino na Galiza medraron un 377,5% desde o ano 2009. Parte do auxe ten que ver co do fútbol sala, que achega 2.250 deportistas. 
Xogadora da selección galega Sub-15 nun partido oficial (Foto: RFGF).
photo_camera Xogadora da selección galega Sub-15 nun partido oficial (Foto: RFGF).

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) aproveitou esta semana para dar a coñecer as cifras de do seu deporte no ámbito da muller. Segundo este organismo, as licenzas de fútbol feminino na Galiza medraron un 377,5% desde o ano 2009. 

Na actualidade, con cifras desta tempada, o número de nenas e non tan nenas que teñen unha licenza federativa (xogadoras e corpos técnicos) ascende a 8.750, un milleiro máis que o curso pasado e 1.700 máis que na 2019-2020. Destas 8.750, 2.250 pertencen ao fútbol sala, un dos berces da modalidade no Estado español. 

Para a federación, esta cifra responde “a unha estratexia que comezou en 2015, co obxectivo de crear e impulsar as categorías inferiores na formación de xogadoras”.

Desde este organismo lembran que coa creación de equipos de base femininos e a aposta polas seleccións inferiores “derrubamos moitas barreiras durante os últimos oito anos”.

Ademais das categorías estatais, nas que a Galiza conta con 10 representantes (Primeira Federación, Segunda Federación e Primeira Estatal Feminina), o fútbol galego feminino conta cun total de 198 equipos. 

O auxe do fútbol sala

Dentro do fútbol, a modalidade de fútbol sala xoga un papel importante nos números que move a federación. A Galiza conta na actualidade con 12 equipos que xogan en categoría estatal (con cinco representantes na máxima e sete na segunda).

Un só destes clubs, o Burela, conta cun equipo que cede nas últimas tempadas até cinco xogadoras nas convocatorias habituais da selección española absoluta,  vixente campioa de Europa. Nesta modalidade, ademais, están en marcha categorías de base única e exclusivamente femininas para as categorías xuvenil, cadete, infantil e alevín.

Comentarios