Fútbol sala

Derbi polo título de fútbol sala entre Poio e Burela

A escuadra que supere a eliminatoria obterá un posto na final ante Navalcarnero ou Melilla.
Na derradeira xornada ligueira Poio superou Burela por 2 a 1, polo que o resultado da eliminatoria non pode ser máis incerto. (Foto: RFEF)
photo_camera Na derradeira xornada ligueira Poio superou Burela por 2 a 1. (Foto: RFEF)

Como aquela man de mono que concedía desexos que traían consigo consecuencias negativas nun vello capítulo dos Simpsons, o fútbol sala galego xa sabe que pelexará polo título de campión da Primeira Federación Futsal Feminina, pero só porque Poio Pescamar e Pescados Rubén Burela protagonizan un duelo fratricida nas semifinais da máxima categoría a nivel estatal.

O primeiro partido da eliminatoria está programado para mañá ás 18.30 horas no Pavillón da Seca, polo que a formación de Poio terá o factor campo ao seu favor no derbi galego. Despois dunha magnífica tempada, na que ademais está celebrando o seu 25 aniversario, Poio Pescamar concluíu a fase regular da Primeira Federación como segundo clasificado con 75 puntos, a tan só dous de distancia do intratábel Futsi Atlético Navalcarnero.

Terceiro foi un Pescados Rubén Burela que chegou á derradeira xornada con opcións de asaltar ese segundo posto do Poio, pero no seu enfrontamento directo na derradeira xornada as guerreiras laranxas caeron derrotadas por dous tantos a un.

A pesar dese tropezo, o preparador da formación da Mariña, Julio Delgado, encara con positividade a eliminatoria, xa que, lembra, as súas futbolistas "dominaron durante todo o partido". "O equipo está a un nivel moi alto, e ao rival custoulle gañarnos, porque fomos nós quen fixemos a proposta de fútbol sala, aínda que ás veces se perda". "Estou convencido de que o do sábado será un partido diferente e de que obteremos a primeira vitoria deste play-off", engadiu Delgado.

Con respecto ao hipotético rival de Poio ou Burela na finalísima, MSC Torreblanca e Futsi Atlético Navalcarnero xogan mañá desde as 19.30 horas un choque que está máis aberto do que parece a pesar da diferenza de 13 puntos entre as madrileñas e as africanas na clasificación xeral, xa que estas últimas chegan en plena forma ao partido.

Melilla é unha debutante no play-off polo título ligueiro, a onde chegaron, en boa parte, grazas ao bo facer de Beatriz Souza, 'Bia', a máxima goleadora do campionato, que até o de agora materializou 32 tantos. Enfronte terán o conxunto menos goleado da competición, un Navalcarnero que, ademais, goleou o Melilla por 7-1 en Madrid, aínda que na segunda volta, xa no fogar de Bia, venceron as melillenses.

Comentarios