O Burela aspira a volver ao máis alto

A escuadra de fútbol sala comeza as finais polo título de Liga
O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai máis de 10 anos. (Foto: RFEF).
photo_camera O Pescados Rubén Burela-Futsi Atlético Navalcarnero é o gran clásico a nivel estatal desde hai 10 anos. (Foto: RFEF).

O Pescados Rubén Burela disputa hoxe o primeiro asalto no seu combate polo título ante o Futsi Atlético Navalcarnero, nun choque que se desenvolverá a partir das 18 horas no Pavillón A Estación da localidade madrileña.

Alí colisionarán os equipos que contan con máis trofeos de campión de Liga no seu palmarés, xa que o local conta con seis e o visitante con catro. De feito, ambos monopolizaron as dúas finais anteriores, con triunfo de Navalcarnero o pasado ano 2022 e de Burela no 2021.

A escuadra do suroeste de Madrid é un rival temíbel non só pola súa condición de vixente campión, senón tamén por rematar en primeira posición a fase regular da Primeira Federación, logo de obter 25 vitorias en 30 encontros.

Con todo, Torreblanca Melilla logrou atopar os seus puntos débiles nas semifinais, forzando un terceiro partido no que obrigou o Futsi a chegar até o tempo engadido.

Isto significa que as xogadoras do Pescados Rubén, a pesar de non contar coa significativa vantaxe que outorga o factor campo -por rematar por debaixo do Navalcarnero nunha fase regular na que foron terceiras-, terán ao seu favor ese desgaste que sufriron as súas rivais e non elas, xa que foron quen de despachar nas semifinais o Poio Pescamar en tan só dous choques (1-3 e 9-3).

Con todo, a segunda capitá do equipo, Jozi Oliveira, mostrouse prudente diante dos medios de comunicacións, afirmando que  aínda con ese cansazo acumulado "e as baixas que ten", o Futsi Atético Navalcarnero é "un equipo moi competitivo, lévao na sangue", razón pola que agarda un primeiro partido das finais "especialmente disputado ante un rival difícil e con moita calidade, como sempre".

Pola súa parte, Julio Delgado, adestrador da formación laranxa, considera que chegan "ben" á finalísima, tal e como demostraron "o pasado sábado contra o Poio, nun partido súper completo".

"A presión levámola cada vez mellor, quedou claro, e estamos medrando e madurando á medida que chegamos até aquí", engadiu o técnico, recoñecendo, non obstante, que o actual campión ligueiro é "un conxunto que está afeito a xogar finais e a gañalas", polo que prevé un duelo "moi igualado". 

Máis en DEPORTES
Comentarios