O Trail Adventure Muíños do Folón terá carácter solidario en 2024

A proba será a  beneficio da Asociación Española Contra o Cancro.
O evento será o 3 de marzo. (Foto: Concello do Rosal).
photo_camera O evento será o 3 de marzo. (Foto: Concello do Rosal).

Un dos trazos distintivos do deporte popular, alén do seu afastamento da esixencia competitiva do máis alto nivel, é o seu carácter solidario, pois cada vez mías probas dedican unha parte ou a totalidade dos importes que recadan coas inscricións e os patrocinios a causas benéficas.

Unha delas é o Trail Adventure Muíños do Folón, que amosará na súa edición de 2024 a súa faciana máis solidaria recadando fondos a prol da Asociación Española contra o Cancro (AECC). 

Deste modo, o vindeiro 3 de marzo máis de 500 corredores e corredoras poderán non só gozar das paisaxes e lugares etnográficos polos que transcorre a carreira, declarados como Ben de Interese Cultural (BIC), senón que saberán que co importe que paguen para participar achegarán o seu grao de area para axudar a AECC.

Ademais, e "co fin de incrementar o carácter solidario" do trail, sinala o Concello do Rosal, habilitarase unha 'Fila 0' para que toda persoa que non queira ou non poida correr contribúa coa causa, acción que se complementará "cun posto de merchandising no que poderán mercar público e participantes".

Deportivamente, o evento contará con dúas modalidades: a Advance, de 21 quilómetros e 950 metros de desnivel; e a Adventure, de 12 quilómetros con 450 metros de desnivel. Os e as atletas poderán elixir entre as dúas e realizar aquela "que mellor se adapte ás súas preferencias e condición física".

A Padrón 10K alcanza a súa edición número 21

Outro evento que volve neste 2024 é a Padrón 10K, que alcanzará a súa edición número 21 o sábado 3 de febreiro. Organizada polo Concello de Padrón coa colaboración da Deputación da Coruña, as inscricións permanecerán abertas até o día 31 de xaneiro.

Comentarios