O tiro con arco 3D en sala estréase esta fin de semana como campionato galego

Os mellores arqueiros da Galiza danse cita no concello de Taboadela para participar no I Campionato Galego de 3D In Door.
Enfrontamento polo bronce Arco Espido entre Miguel Suárez (Lumelar) e Antonio Rodríguez (Valencia) en 3D en sala en León (Foto: Club Lumelar).
photo_camera Enfrontamento polo bronce Arco Espido entre Miguel Suárez (Lumelar) e Antonio Rodríguez (Valencia) en 3D en sala en León (Foto: Club Lumelar).

Entre os deportes que se cualifican de minoritarios, o tiro con arco é un dos que máis alegrías está a dar á Galiza. Proba disto é que nos últimos tres Xogos Olímpicos sempre houbo representación galega nesta disciplina polo que non son tan descoñecidos nomes como Miguel Alvariño, Daniel Castro e Iria Grandal.

Menos difundida é unha das súas modalidades, a de 3D en sala, aínda que colleitou varias medallas galegas nos recentes campionatos do Estado que decorreron en León (Castela e León) no mes de xaneiro. 

Até agora, esta variante non contaba cunha competición propia de ámbito galego e coa idea de solucionar esta eiva, a Federación Galega de Tiro con Arco (FGTA) abriu o pasado mes de febreiro a convocatoria para realizar o I Campionato Galego de 3D In Door.

O evento terá lugar este sábado no Polideportivo Taboadela, no concello ourensán do mesmo nome. 

Gran nivel para comezar

Na organización do evento colabora o Club Lumelar Arco de Taboadela. O seu presidente, Miguel Suárez, tamén arqueiro, afirma a Nós Diario que a idea era facelo antes “mais coa chegada da Covid-19 tivemos que atrasalo”.

Teñen un total de 170 inscricións que corresponden a 16 clubs. “Haberá bastante nivel. Estarán, entre outros, o subcampión de España en arco espido, Santiago Villares, e o campión de España en arco tradicional e subcampión en 3D, Alberto Villarroel”, confirma Suárez.  

A modalidade 3D

A competición deste sábado contará con tres categorías que distribuirán as persoas participantes en U15 (menores 14 anos), U18 (cadetes) e Sénior. Por primeira vez na Galiza terán que rivalizar, na modalidade 3D en sala, unha variedade que conta cunhas características específicas.

“As dianas son volumétricas con forma de animal e de tamaño real feitas con espuma”, explica a Nós Diario o tamén arqueiro do Lumelar, Juan Ramón González. Son de diferentes tamaños -segundo sexan osos, xabarís ou gansos- e están colocadas en distancias que se corresponden a como estarían no exterior. 

“Haberá 24 dianas e dispararanse dúas frechas a cada unha delas, puntuando diferente se se lle dá no centro ou máis lonxe”, sinala o arqueiro. Contará, de inicio, cunha fase de clasificación, na que se pasa por todos os postos de tiro, para despois facer unhas eliminatorias.

Tirar en interiores

“A 3D sempre contou con máis éxito no exterior, mais sempre estivo condicionada pola climatoloxía polo que se facían a partir da primavera”, relata o presidente do Lumelar, “e a xente tamén ten ganas de tirar en inverno polo que se buscou a posibilidade de realizar un percorrido máis concentrado no interior”, explica.

Na Galiza, segundo o responsábel do club, o problema viría “pola falta de instalacións de grandes dimensións como teñen noutros lugares que empregan grandes pavillóns”. 

Con esta nova competición, desde o club Lumelar de Taboadela agardan que medre a práctica deste deporte. “É máis económico do que parece, podes comezar cun equipo básico que pode custar 80 euros", asegura Juan Ramón González.

Comentarios