Maika Fernández: "No tiro con arco aprendes a ser creativa e a superarte a ti mesma"

Mestra e arqueira, curiosa combinación, Maika Fernández (Vigo, 1969) transmite ao seu alumnado varios dos valores que aprendeu nunha disciplina que leva practicando tan só desde o ano 2016, un lustro escaso no que xa gañou o Campionato da Galiza, o Estatal e competiu no recente Europeo de Maribor, en Eslovenia.
Fernández comezou a tirar en 2016 e xa está entre as mellores na súa disciplina.  (Foto: Club Boa Vila).
photo_camera Fernández comezou a tirar en 2016 e xa está entre as mellores na súa disciplina. (Foto: Club Boa Vila).

—Practica un deses deportes que sistematicamente reciben o apelativo de “minoritarios”, que fai referencia ao seu número de practicantes, pero que non acaba de gustar a algunhas persoas, porque consideran que a expresión implica certas connotacións negativas, é este o seu caso?

Non, a min non me molesta, en absoluto. É o que hai e para min, ademais, o minoritario non ten porque ser malo, nin no deporte nin en ningún outro ámbito.

—Como foi a súa introdución nun mundiño tan particular como é o do arco?

Pois é unha historia un pouco rara (ri). Desde moi noviña teño unha lesión nas cervicais que me obrigou a deixar de facer todo tipo de exercicio, até que no 2016 decidinme a facer algo que viña pensando desde había xa moitos anos. Entón, busquei información e atopei que no club de aquí, en Pontevedra, facían uns cursos de iniciación, e foi probalo e ver que era para min.

—Amor a primeira vista?

Si, foi probar e dicir: "Isto é o meu".

—Unha vez que finaliza ese curso de iniciación, como se produce a súa inmersión na disciplina? Facendo máis cursos? Traballando en grupo con máis persoas? Por libre?

Nada máis finalizar o curso de iniciación apunteime no club e comecei a adestrar co resto da xente os días de adestramento.

—Cando se deu de conta de que era algo máis que unha afeccionada aprendendo un deporte, de que comezaba a destacar?

É complicado, porque eu teño unha paixón tola por isto. E a xente dicíame "non te desanimes, que a cousa vai lenta", pero os resultados ían chegando por si mesmos, supoño que polo moito que me gusta, o que me levou a tomalo moi en serio, a adestrar ao máximo. Polo tanto, entendo que a miña evolución foi natural a causa do meu esforzo. 

—Lembra a súa primeira competición?

Por suposto. Non foi moito despois de comezar co arco, porque enseguida participei nas competicións porque, a pesar de que a outra xente dáballe algo de reparo, a min non, porque non me importaban os resultados. Para min os torneos eran como un xogo, non tiña ningunha presión. Lembro que foi en Redondela, e que na miña categoría só eramos tres rapazas, todas do meu club.

—E o seu primeiro logro?

Pois tamén bastante cedo, porque vale que o noso sexa un deporte minoritario, pero mulleres eramos poucas, moi pouquiñas, aínda que agora xa hai máis. Por iso aquí, a nivel da Galiza, sempre conseguín medallas, até que un bo día cheguei ao Estatal, no que acabei de subcampioa. Alucinara, non contaba para nada. A chave está en que eu teño táboas para afrontar as eliminatorias, que é o difícil, pois a min o que me motiva é manter a calma nunha situación de tensión. Eu falo moito cun compañeiro que fai golf e é unha situación similar, na que hai que ser capaz de fluír en calquera escenario, incluída a competición, por iso penso que grazas a iso teño algo de vantaxe, pois non sinto tantos desexos de gañar como de ser quen de tirar ben en calquera situación. 

—Este podería ser un dos valores positivos que lle achegou o seu deporte. Fóra do mundo do tiro con arco vostede dedícase á ensinanza e traballa a diario con rapaces e rapazas, que ensinanzas que adquiriu nesta disciplina lles transmitiu até o de agora?

Para min este non é un deporte sen máis, é algo que ten que ver coas miñas actitudes vitais, comezando pola superación persoal e seguindo por facer as cousas de modo creativo. Eu son mestra de debuxo e de arte, e considero que o tiro con arco contribúe a vivir a vida dun modo auténtico, sendo sincera cunha mesma, evitando as presións de calquera tipo e gozando do que se fai.

—Pasou o tempo e apenas un lustro despois da primeira vez que colleu un arco en toda a súa vida, chega o 2021 e proclámase campioa galega, Estatal e logra a clasificación para o Europeo. Entre medias quedou a pandemia da Covid-19 e os tempos do confinamento. Como fixo para prepararse nese período de tempo?

Foi moi duro, estaba totalmente desesperada, até que un día, aproveitando que na miña casa teño un corredor de 10 metros, comecei a tirar moitísimo. Non é o mesmo, porque nós podemos tirar desde os 18 até os 30 metros, pero menos era nada, así que aproveitei para practicar, tratando de perfeccionar a técnica o máximo posíbel. Repetir, repetir, repetir e ver moito o funcionamento na miña cabeza, porque 80% do resultado final é manter a serenidade e saber respirar.

—Todo ese traballo, como sinalaba, derivou nunha serie de éxitos que lle outorgaron un posto no Europeo de Eslovenia. Como viviu esa experiencia?  

Así-así (ri). No clasificatorio final quedei na posición 11, que está bastante ben, pero nas eliminatorias de 15, porque perdín no primeiro duelo. Independentemente diso, serviume para motivarme e coñecer como é o ambiente,  así que moi ben. Porque este deporte ten outra cousa que ás veces non se ten en conta, que é que unha frecha cambia todo, e como hai tanto nivel podes quedar de primeira, como me pasou no Estatal, como de décimo quinta.

Comentarios