O Taekwondo busca en Alacant puntuar para o Mundial de Corea

A localidade de La Nucía (Alacant) centrará esta fin de semana a atención do mundo do Taekwondo galego. Galiza contará cunha importante participación nas modalidades de Técnica e Combate coa que revalidar os éxitos de 2021 e aspirar a estar presente nas probas do vindeiro Mundial de Corea. 
Participantes na edicion de 2021 na modaliddae de Técnica que gañaron o campionato (Federación Galega de Taekwondo).
photo_camera Participantes na edicion de 2021 na modaliddae de Técnica que gañaron o campionato (Federación Galega de Taekwondo).

Esta fin de semana, os días 29 e 30 de xaneiro, terá lugar no municipio de La Nucía (Alacant) os Campionatos de Taekwondo a nivel estatal sénior de Combate e Técnica. Un ano máis, e a pesar das dificultades propias da situación de pandemia, Galiza asiste cunha destacada participación en ambas modalidades e co obxectivo de acadar grandes resultados como aconteceu na edición de 2021. 

A selección de Técnica quere revalidar o título

O sábado terá lugar a modalidade de técnica e o domingo continuará coas parellas e tríos en técnica e freestyle. Ao redor de 50 deportistas viaxaron desde a Galiza até as instalacións da Cidade Deportiva Camilo Cano onde terá lugar o campionato. A importancia da cita vén marcada por ser este o torneo que dá a puntuación máis alta para acadar a clasificación para o vindeiro mundial que terá lugar na Corea no mes de abril.

Unha boa parte das e dos deportistas que viaxaron están nas listaxes de saída mais toca confirmar as prazas. No Campionato de España do pasado ano, realizado en Benidorm, a Federación Galega de Taekwondo logrou o primeiro posto naificación  xeral por equipos tanto en técnica como en freestyle. 

"O primeiro obxectivo será clasificar ao maior número de deportistas para o Campionato do Mundo e ademais revalidar o título de campións do ano anterior", explica a Nós Diario a directora do departamento de Técnica, Noelia Pérez. Recoñece que estará "moi complicado" e sentirán a presión de repetir a actuación de 2021.

"Temos un equipo moi traballado, con varios adestramentos ao longo da tempada, e moi forte", asegura, aínda que recoñece que hai rivais que tamén o están "como é o caso de Catalunya e Andalucía", conclúe. Está segura dos bos resultados "polo traballo incríbel que realizaron" e para os que non o consigan "estarán no bo camiño para os anos seguintes". 

Campionato de España de Combate Sénior. 

Tamén o sábado comezará a competición para o Combate Sénior, coa participación de 25 deportistas da Galiza, 14 mulleres e 11 homes. Na convocatoria entraron os tres ouros do pasado ano (Arlet Ortiz, Tania Castiñeira e Iván García), que defenden o título, así como o resto de medallistas (Sara Cortegoso, Alma Pérez, Pablo Patiño -pratas-, María Ferreiro, Ainoha García, Miryam García, Dessi Rivadulla e Manu Parada -bronces-).

No 2021, a Galiza tamén logrou ser primeira na xeral coa suma dos resultados da masculina (1 ouro, 1 prata e 1 bronce) e feminina (2 ouros, 2 prata e 4 bronces). 

"O nivel é moi alto ao ser un torneo que clasifica para o Campionato Europeo Sénior”, sinala a Nós Diario o director do departamento de Combate, Tito González, "porén, a perspectiva é a mesma: gañar as máximas categorías posíbeis a nivel individual e acadar podio na clasificación por equipos", engade. Esta modalidade sempre tivo un bo nivel na Galiza, como recoñece González, "mais levamos varios anos extraordinarios con podios en todas as categorías". A maiores, garante o futuro por contar "cun equipo actual moi  renovado".

Preparación complicada en tempos de pandemia

A situación de pandemia non axudou na preparación para ir a este campionato. Porén, Pérez indica que "comparado co ano anterior tivemos posibilidade de traballar máis". Adestrar con tapabocas e a capacidade dos recintos non mudaron. "Seguen igual e ademais tivemos baixas por contaxios", informa.

"As preparacións son complicadas", coincide González, "mais o son para todo mundo", opina. Explica que tiveron deportistas que padeceron a Covid-19 e estiveron illados nos seus domicilios. "O contacto no deporte foi practicamente inexistente, onde houbo foi nas relacións sociais como pasou en todos os sectores da sociedade", admite. Desde a Federación tomaron as máximas precaucións e no Nadal non realizaron adestramentos para estar en condicións en Alacant.

Comentarios