Galiza, subcampioa de España Xúnior de Taekwondo

A selección trouxo de Cartaxena tres ouros, cinco pratas e seis bronces. 
Sergio Troitiño no podio coa súa medalla de ouro (FGT).
photo_camera Sergio Troitiño no podio coa súa medalla de ouro (Foto: FGT).

Galiza logrou a segunda posición na clasificación xeral por equipos, e na categoría feminina, do Campionato de España Xúnior de Taekwondo, que se disputou esta pasada fin de semana Cartaxena. Tres ouros, cinco pratas e seis bronces trouxo, desta vez, a selección galega para casa. 

Os ouros foron para Javier Otero (-45 quilogramos, Kae Sport), Sergio Troitiño (+78, Mat's) e Ainoha García (-68, Couto). Na categoría masculina, en -45 quilogramos, houbo unha final galega. Javier Otero (Kae Sport) que superou a Anxo Vidal (Natural Sport Riveira) para lograr a medalla de ouro. Antes, Otero vencera con claridade a Pablo Luque (Andalucía) e Fabio Torilo (Canarias) e lograra o título con superioridade.  

Sergio Troitiño, polo seu lado, conseguiu o título de campión de España tras vencer en tres combates. En cuartos gañou ao andaluz Juan Francisco Castro (21-3), na semifinal a Adrián Asensio (Castela a Mancha) por 25-0 e na final a Iván Mediavilla (Euskadi) por 17-0. 

O terceiro ouro galego, desta vez en categoría feminina, foi para Ainoha García (-68, Couto) que tamén fixo tres combates e con resultados moi amplos ao seu favor. A primeira rival foi a madrileña Paula Pizarroso e a vitoria para Ainoha (15-1); na semifinal superou a Irene Montero (Andalucía) por 12-3 e na final a Nera Portillo (País Valencià) por 20-0. 

Pratas e bronces para rematar o campionato

Ademais da prata de Anxo Vidal, houbo catro máis. Cloe Iglesias (-63, Patiño) caeu na final contra Viviana Marton (Castela A Mancha, de orixe húngaro) que foi a mellor e proclamouse campioa.

Neste mesmo peso tivemos outra medalla galega, xa que Irene Montemuiño (Natural Sport Riveira) logrou o bronce. En -55, a prata foi para Yadira Reimúndez (Mat´s) que perdeu contra Laura Rodríguez (Castela a Mancha). Aitana Fariña (-44, Maniotas) tamén quedou na segunda posición na final que disputou coa catalá Ana López por 3-14. A última prata galega foi para Silvia Otero (-42, Mat´s) que foi superada na final por Sofía García (Castela a Mancha). 

Os outros bronces galegos foron para Tania López (-59, Patiño), Helena García (+68, Dobok), Alex Pazos (-59, Taekanart), Borja Franco (-68, Natural) e  Iago Mallo (-78, Tao).

Comentarios