O taekwondo regresa á Galiza un ano despois

Ourense acolle o Campionato de Combate con todas as medidas de protección anti-Covid-19 previstas pola Federación galega.

A Covid-19 impedirá que a proba se desenvolva sen máscara (Fegate)
photo_camera A Covid-19 impedirá que a proba se desenvolva sen máscara (Fegate)

Chegou o momento. Un ano despois regresa a competición ao taekwondo galego, e será coa disputa do Campionato Galego Absoluto de Combate que se disputará en Ourense ao longo do día de hoxe. Por suposto, desde a Federación Galega de Taekwondo (Fegate) aclaran que "as medidas de protección anti Covid-19" marcarán o devir dunha proba que será a porta fechada.

"Por iso, o trofeo estará estruturado en dúas sesións: pola mañá, categoría masculina e, pola tarde, a feminina, e absolutamente todas as participantes realizaron na pesada que tivo lugar esta sexta feira unha proba de antíxenos co obxectivo de confirmar que non son positivos", engaden.

Por outra banda, durante o campionato só haberá dúas pistas de competición e antes de cada combate desinfectarán o material. Ademais, os e as deportistas competirán con máscara e haberá unha zona de quecemento por club, así como os vestiarios.

Este torneo será decisivo para confeccionar a lista de seleccionados e seleccionadas para tomar parte no inminente Campionato de España da modalidade, un aliciente aínda maior para este dilatado regreso aos tapices que contará con máis de 80 deportistas.

Lamentabelmente non participarán varios campións estatais durante o ano pasado, como Sara Cortegoso, Tania Castiñeira, Iván García e Arlet Ortiz, que optaron por disputar os Open de Sofía e de Turquía ante a coincidencia de datas.

A única medalla de ouro no Estatal de 2020 que fará acto de presenza en Ourense será Alma Pérez, representando así un nexo co pasado nunha competición que estará caracterizada por un brusco cambio xeracional, pois os e as deportistas nadas nos anos 2003 e 2004, e que polo tanto estrean categoría Absoluta, serán maioría.

Ampla representación galega en Sofía e Istambul

Pola súa banda, e ao mesmo tempo que se disputa este Campionato Galego de Combate, as devanditas Sara Cortegoso, Tania Castiñeira, Iván García e Arlet Ortiz participarán no Open de Sofía (Bulgaria), que comezou esta pasada sexta feira e que se prolongará até mañá, 7 de marzo; e no Open de Istambul (Turquía), que ten previsto o seu inicio para a vindeira segunda feira, 8 de marzo, e o seu final cinco días máis tarde, o 13 do mesmo mes

Comentarios