A selección galega conquista o Open de Andalucía de Taekwondo

As mulleres conseguiron para a Galiza cinco metais na categoría absoluta e catro na Júnior.
As mulleres conseguiron para a Galiza cinco metais na categoría absoluta e catro na Júnior. (Foto: FGT)
photo_camera As mulleres conseguiron para a Galiza cinco metais na categoría absoluta e catro na Júnior. (Foto: FGT)

Galiza proclamouse gañadora da clasificación por equipos en categoría absoluta no Open Internacional de Andalucía de Taekwondo, que se desenvolveu en Córdoba. As e os deportistas galegos conseguiron en total tres ouros (José Fernández, Isaac Blanco e Alma Pérez), catro pratas (Rubén Troitiño, Giovanni Imparato, Lorena Pardo e Elisabeth Piedras) e tres bronces (María González, Dani Corrales e Desiree Rivadulla).

O dominio do país foi tal que a modalidade de -80 quilogramos tivo unha final 100% galega entre José Fernández Rey (Natural Sport) e Rubén Troitiño (Mat's), sendo o primeiro o que se faría coa medalla de ouro. 

A segunda final entre competidores galegos tivo lugar na categoría de -58 quilos, onde Isaac Blanco e Giovanni Imparato foron os protagonistas, saíndo Blanco como gañador nun axustadísimo combate. Previamente, Isaac venceu Jesús Serrano (2-30), Daniel Domínguez (29-8) e Jonathan Domínguez -na semifinal- por 3-24. Pola súa banda, Giovanni superou con facilidade a Sotillo nos cuartos (8-30) e a Daniel Quiñonero na penúltima rolda (39-29).

Na categoría feminina, ouro para Alma Pérez (-57, Suh Sport). A de Pontevedra gañou Andrea Teodora por 12-9 na semifinal e na finalísima á veterana competidora finlandesa Suvi Mikkonen -dúas veces olímpica- por 10-4. 

Pola súa banda, Lorena Pardo (-67, Garrapucho) alcanzou a medalla de prata logo de superar na semifinal a Sonia Roldán (2-13). Por desgraza, na final caeu derrotada ante María Jiménez nun apertado combate (3-2).

A modalidade de +67 quilogramos feminino tivo escasa participación galega, pero deixou dúas medallas para a Galiza: a prata de Elisabeth Piedras (Patiño) e o bronce de Desiree Rivadulla (Suh Sport), mesmo metal co que volveron á casa María González (Couto) en -49 quilos e Dani Corrales (Patiño) en +80 quilos.

Éxito tamén en Júnior

Os bos resultados da selección galega non se limitaron á categoría absoluta, pois en Júnior Galiza logrou o ouro na clasificación por equipos masculina e a prata na feminina, após gañar individualmente catro ouros (Fernando Davila, Adrián Salanova, Sergio Troitiño e Irene Montemuíño), dúas pratas (Yadira Reimúndez e Lucía Montemuíño) e un bronce (Aitana Fariña).

Nos homes, Fernando Davila (-48, Kae Sport) subiu ao máis alto do podio tras superar con moita facilidade os seus tres combates, nun percorrido algo máis sinxelo do que tivo que facer Adrián Salanova (-73, Maniotas), que tamén se fixo coa medalla de ouro, mais no seu caso tivo que participar nun total de catro roldas. O terceiro e último ouro masculino foi para Sergio Troitiño (+73, Mat´s), que se impuxo na semifinal a Enrique Durán por 18-11. Na final, o seu contrincante, Pau Llabres, tivo que retirarse por lesión, polo que a primeira posición foi para Sergio.

Nas mulleres a única medalla de ouro con selo galego foi para Irene Montemuiño (-68, Natural Sport Videlgi), que venceu na semifinal a Yasmina Deniz por 4-10. Na final logrou a primeira posición nun axustado combate ante Irene Montero, que se decidiu pola mínima a favor da galega (11-12). Ademais, Lucía Montemuiño (-49, Natural Sport Videlgi) e Yadira Reimúndez (-55, Mat´s) conquistaron senllas pratas, mentres que Aitana Fariña (-44, Maniotas) se fixo cun bronce.

Comentarios