Pilar Neira

"Sermos debe contribuír para o deporte non ser un reduto do machismo"

Abrimos con Pilar Neira (Londres, 1963) a serie de entrevistas que imos realizar a distintas persoas representativas de diversos ámbitos da vida da Galiza co motivo do quinto aniversario do Sermos dixital. Falaremos con elas de como ven o país e de como ven este meio de comunicación e que agardan del.

Pilar Neira
photo_camera Pilar Neira

Falar de fútebol feminino na Galiza pasa necesariamente por falar de Pilar Neira. Xogadora do mítico Karbo coruñés, co que gañou tres campionatos estatais, En 1985 gañou como futebolista da selección galega o campionato estatal de seleccións territoriais. Xa como adestradora, liderou o vestiario da selección nacional galega de fútebol feminino. É neste momento presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas da Galiza.

-Como avalías o estado actual do deporte galego?

-Creo que na Galiza temos varios problemas. A saber:

O reto da igualdade de xénero no deporte permanece no tempo, as competicións femininas pasan case sempre a un discretísimo segundo plano, do que soamente saen, cando conseguen algún logro importante.

Son poucos os centros escolares, nos cales o deporte escolar figura no proxecto educativo do centro. O deporte escolar e o deporte nos institutos apenas ten presenza e o deporte universitario, consiste nunhas xornadas de intercambio, mais que unha competición.

Existe unha descoordinación entre educación física, deporte escolar, e deporte, co cal, non hai estrutura que dote de continuidade ao deporte escolar.

Cedéndolles as instalacións públicas as empresas de servizos, estase a privatizar o deporte, porque estas só buscan rentabilidade económica a base de precarizar todo o sector.

Ao non reclamarse as competencias en materia de formación, non hai una lei de profesionais do deporte, que regule as competencias de caduquen e  hai todo tipo de altruísmo.

As competicións non atraen o público.

A pesar diso, hai unha canteira de deportistas, asentada e con moito futuro.

-Que evolución agardas do deporte galego a cinco anos vista?

-Máis que agardar, desexo que o deporte galego sexa un sinal de identidade. Espero que se desenvolvan políticas para seguir achegando o deporte á sociedade, e que a fenda entre homes e mulleres practicantes do deporte continúe a reducirse.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

Que contribuades a que o deporte non sexa un reduto do machismo, porque os méritos ou fracasos do deporte feminino merecen a mesma cobertura que se lle ofrece ao deporte masculino

Comentarios