Será o partido contra Osasuna o da despedida de Gabri Veiga do Celta?

Unha publicación do xogador en Instagram abre unha xanela de esperanza, mais as informacións sinalan que o acordo entre Celta e Nápoles está próximo.
Forte disparo de Gabri Veiga en Balaídos (Foto: RCCelta).
photo_camera Forte disparo de Gabri Veiga en Balaídos (Foto: RCCelta).

O Corriere dello Sport, un dos tres principais xornais deportivos italianos e o que ten o maior número de lectores no centro e no sur de Italia, leva este domingo na súa portada a figura do celtista Gabri Veiga. “Gabri Veiga achégase: 30 millóns máis complemento”, destaca o popular xornal da península Itálica.

Portada do 'Corriere dello Sport' deste domingo.
Portada do 'Corriere dello Sport' deste domingo.

Esta información contradí a achegada previamente polo xornalista especializado no Nápoles, Francesco Romano, que afirmaba que o traspaso reportaría 36 millóns de euros fixos ao Celta, máis un complemento económico en función determinadas variábeis co que practicamente se alcanzarían os 40 millóns da actual cláusula de rescisión do centrocampista do Porriño.

Máis próxima a esta cifra estaría a información que dá outro dos principais xornais deportivos italianos. Segundo anunciou este domingo La Gazzeta dello Sport, o xornal máis lido de Italia (incluídos os de contidos xeneralizados), “o Nápoles vai con todo a por Veiga, o talismán do Celta pode chegar por 35 millóns, xa está a un paso”.

Unhas informacións, a de Francesco Romano e de La Gazzeta dello Sport, que concordan coa do tamén xornalista especializado no Nápoles, Gennaro Del Vecchio, que afirmou que Veiga terá “mañá o seu último desafío antes de voar a Partenone [nome da primeira fundación da cidade italiana de Nápoles]”.

Segundo del Vecchio, Gabri Veiga “será novo xogador do Nápoles por pouco menos de 40 millóns de euros. Fálase de entre 34 e 36 máis complementos que son facilmente accesíbeis” e “asinará un contrato de cinco anos por 1,8 millóns máis complementos, ao redor dos dous millóns de euros ao ano”.

Hai dous días, e segundo xa informou Nós Diario, o afamado xornalista Fabrizio Romano afirmou que o Celta e o Nápoles tratan de chegar a un acordo sen que o conxunto italiano teña que exercer a cláusula de rescisión do actual contrato de Veiga. Ademais, Fabrizio Romano asegurou que “Veiga xa aceptou os termos do contrato [co Nápoles]”.

Porén, o xogador galego de 21 anos compartiu este domingo na súa rede social de Instagram unha mensaxe que podería abrir unha pequena xanela de esperanza para aqueles seguidores e seguidoras do Real Club Celta que desexan que o do Porriño fique na casa.

Veiga compartiu o cartel do conxunto vigués correspondente coa previa do encontro que xogará este domingo contra Osasuna ás 17 horas en Balaídos, do que é un dos protagonistas (ao carón de Iago Aspas que ocupa a posición central). O xogador engadiu unha mensaxe alentadora, a palabra “xuntos”, á que adheriu un símbolo de forza e unha corazón celeste.

Captura do Instagram de Gabri Veiga este domingo.
Captura do Instagram de Gabri Veiga este domingo.

Porén, a proximidade dun posíbel traspaso ao Nápoles, cun interese do club italiano que o propio adestrador do Real Club Celta, Rafa Benítez, recoñeceu como “real” na rolda de prensa previa ao encontro contra Osasuna, fan pensar que é moi probábel que o deste domingo sexa o encontro da despedida entre Gabri Veiga e a bancada de Balaídos.

Comentarios