O Osasuna mide a afouteza do novo Celta de Benítez

Pola súa parte, no seu regreso a Segunda División o Rácing de Ferrol debutará cun dos grandes, o Elxe  
Jonathan Bamba (esquerda) e Rafa Benítez son dúas das principais novidades do Real Club Celta de cara á nova campaña 2023/24. (Foto: RC Celta).
photo_camera Jonathan Bamba (esquerda) e Rafa Benítez son dúas das principais novidades do Real Club Celta de cara á nova campaña 2023/24. (Foto: RC Celta).

O fútbol moderno non dá tregua. Cando aínda permanece na memoria o final da última campaña e a configuración deportiva dos distintos equipos non está nin moito menos rematada -permanecerá aberta até as 12 da noite do 31 de agosto- regresan a Primeira e a Segunda División.

Iso significa que entrarán en acción o Real Club Celta de Vigo na máxima categoría e o Rácing Club de Ferrol na de prata, únicos representantes da Galiza no que se deu en chamar como "fútbol profesional".

A escuadra celeste estrea unha tempada moi especial, a do centenario, a tan só dez días de festexar os seus 100 anos de existencia: ás 17 de mañá contra o Osasuna de Pamplona.

No horario tradicional do fútbol, o novo proxecto comandado por Rafa Benítez ponse a proba cando aínda quedan por chegar a Vigo varios ingredientes vitais para o caldo que o ex preparador de Liverpool, Inter de Milán ou Real Madrid pretende cociñar, e que poderían ser máis se finalmente o canteirán Gabri Veiga, obxecto de desexo de varios conxuntos da Premier League e do Nápoles -desde Italia apuntan a que a contratación do centrocampista estaría practicamente fechada- abandona a disciplina olívica.

A súa marcha podería ser unha ferida case mortal a unha ilusión que non se lembraba arredor do Celta desde os tempos de gloria de Berizzo, hai xa máis dun lustro. Con todo, salvo sorpresa de última hora, Veiga podería saír da partida xunto con Iván Villar na portería; Manú Sánchez, Unai Núñez, Aidoo e Mingueza na defensa; Fran Beltrán, Carles Pérez e Jonathan Bamba no centro do campo; e Iago Aspas e Larsen na dianteira. 

Quen non estará seguro sobre o céspede de Balaídos é a última fichaxe celeste, o sueco Carl Starfelt, que foi presentado oficialmente no día e onte. O central manifestou "crer no proxecto do Celta", así como a súa esperanza en ser quen de "mostrar" as súas habilidades "todo o que poida", en especial no referente aos balóns parados e o xogo aéreo. 

Pola súa parte, Osasuna, unha das revelacións da 2022/23, viaxa a Vigo coa incorporación de última hora de Raúl García de Haro, que cos seus 19 goles e sete asistencias tornou nunha das sensacións da última liga de Segunda División

O Rácing colisiona cun candidato ao ascenso

Precisamente a esa categoría de prata regresou despois de 15 longos anos de ausencia o Rácing de Ferrol, que debutará ás 22 horas de hoxe no Martínez Valero contra un equipo que acaba de descender da Primeira, o Elxe.

A escuadra ilicitana, unha das principais aspirantes a finalizar nos postos de cabeza, promete ser un durísimo exame para o bloque que está configurando Cristóbal Parralo, como así o recoñeceu antes de subir ao autobús que o desprazou a el e aos seus homes á outra punta da Península: "Imos ver se podemos comezar do mellor modo, trataremos de non regalar nada ante un rival moi competitivo".

Quen non formou parte da expedición foi Luca Ferrone, pois o italiano pasou onte polo quirófano para tratar de solucionar dunha vez e para sempre os problemas no seu xeonllo dereito, que arrastra desde outubro do 2022 e que o deixarán sen xogar ao fútbol, polo menos, no que resta de tempada.

Partido amigábel e renovación no seo do Dépor

Cambiando Ferrol pola Coruña, o Real Club Deportivo masculino vén de anunciar a renovación dun dos seus principais activos, Yeremay, quen estendeu a súa vinculación co conxunto herculino até 2026. Ademais, o feminino branquiazul participará hoxe no seu segundo compromiso de pre tempada, medindo forzas ás 17.30 horas en Abegondo contra o Sporting Braga portugués. 

Comentarios