As semifinais da Copa Galiza enfrontan esta cuarta feira O Parrulo e Noia

O equipo de Ferrol tentará aproveitar o efecto campo no seu partido contra o Noia.
Bruno Gomes co balón (Foto: Manuel Lorenzo/Noia PA FS).
photo_camera Bruno Gomes co balón (Foto: Manuel Lorenzo/Noia PA FS).

Semana de parón ligueiro, mais non competitivo, para o Noia Portus Apostoli FS e O Parrulo Ferrol FS. esta cuarta feira afrontan as semifinais da Copa Galiza, unha eliminatoria a partido único na Malata, reedición da final da última edición.

Esta será a segunda vez nesta tempada que se atopen en competición ambos os dous equipos . A anterior vez foi  en pretempada, con vitoria visitante por 1-4.

Na cancha ferrolá buscarán os noieses a súa terceira participación consecutiva na finalísima do torneo galego, coa condición de actual campión dun título cuxa defensa comezou o pasado febreiro coa vitoria contra o Pazos de Borbén por 1-8.

Ao igual que daquela, os de Marlon Velasco tentarán, ademais, reivindicarse despois dunha ampla derrota, a sufrida o pasado sábado en Palma. 

O Parrulo e as súas cartas

Os de Noia terán diante un rival complicado e un pavillón con moito ambiente. Os pupilos de Juanma Marrube chegan ao choque cunha boa dinámica, logo de tres triunfos seguidos e asentados na cuarta praza da Segunda División, a que dá acceso ao PlayOff de ascenso a Primeira.

O seu camiño na competición galega tamén empezou nos cuartos, ronda na que os ferroláns venceron ao Leis Pontevedra FS por 0-4. 

Os de Ferrol contan dentro do seu cadro de xogadores con Adri, o líder dun equipo que mantén a filosofía doutros anos e combina experiencia con xuventude. No mesmo cadro destacan Hélder, Wilson Francia, Iván Rumbo, Kevin Chis ou Rubén Orzáez, entre outros, aínda que sen Pedro Yrigoyen, que abandonou o club galego en datas recentes. 

A outra semifinal deste trofeo nacional de fútbol sala reunirá, tamén na xornada desta cuartafeira, ao Outeiro de Rei SD co CD Lugo Sala (20.30 horas).

Comentarios