O Noia consegue unha vitoria histórica na casa do todopoderoso Barcelona

Despois dun partido de alto nivel, o Noia conseguía facer historia cunha vitoria na casa do líder da categoría, o todopoderoso Barcelona, demostrando que merece o lugar que ten na elite do fútbol sala estatal. 
Os xogadores do Noia Portus Apostoli celebran un dos goles ante o Barcelona no choque da tempada pasada (Foto: Noia Portus Apostoli FS).
photo_camera Os xogadores do Noia Portus Apostoli celebran un dos goles ante o Barcelona (Foto: Noia Portus Apostoli FS).

Histórico resultado para o Noia Portus Apostoli e para futbol sala galego. O conxunto galego conseguiu saír do Palau cunha vitoria contra o todopoderoso Barcelona por tres goles a catro. Un resultado que deixa ao Noia próximo a asegurar a permanencia na súa primeira tempada na máxima categoría e que mesmo lle permite soñar con disputar os playoff.

Así as cousas, non comezaba ben o encontro para o Noia Portus Apostuli, pois no primeiro minuto anotaba o Barcelona na portería galega despois que que Ferrao rematase unha falta executada por Ortiz. Porén, a resposta non tardou en chegar, nun comezo de partido vertixinoso. Só un minuto despois, Alisson Neves desfíxose cun quebro da defensa catalá para bater o arco de Feixas.

A presión alta e o ritmo do equipo noiés continuaron, manténdose a igualdade no marcador até o minuto 18 da primeira metade, cando o Portus Apostoli conseguiu darlle a volta ao resultado cun gol de Edu Jabá. O xogador do conxunto galego rematou nunha acción intelixente despois dun bo saque en longo do porteiro Henrique.

No restante do primeiro tempo, unha intensa e seria defensa do Noia mantivo o resultado até ao final. Mesmo unha gran xogada de Bruno Gomes estivo a piques de ampliar a vantaxe para o Portus Apostoli. Desta forma, os cataláns, lideres da categoría e que tan só perderan un encontro como locais no que ía de tempada, comezaban a segunda metade por debaixo no marcador ao verse superados polo conxunto galego.

Neste contexto, e con máis de 3.000 seareiros na bancada, comezaba o último tempo do encontro. O Barça comezou con forza ante os ánimos do Palau, un empuxe que lle levou a conseguir o empate no minuto 23 cun gol de Pito tras un roubo de balón. Tan só un minuto despois estivo a piques de adiantarse o conxunto catalán, mais Adolfo, coa portería baleira, lanzou o balón ao pao.

Acto seguido, non se fixo esperar a nova resposta noiesa, que se volveu colocar por diante cun gol de Power. Tan só dous minutos despois, Douglas puxo o cuarto gol noiés no marcador. O Noia colocábase dous goles por diante nun escenario como o Palau e a vitoria semellaba estar próxima.

Non obstante, quedaban 13 minutos de xogo e o conxunto galego tivo que tirar de disciplina e aplicarse na defensa. O líder da categoría fixo presión sobre un Noia que se cargou de faltas e cartóns amarelos. Porén, o Portus Apostoli aguantou e non foi até o minuto 38 que o Barça forzou un dobre penalti.

O disparo foi desviado por Henrique, quedaban dous minutos e os cataláns apremaban. Tanto foi así que a falta de 46 segundos Adolfo marcou o terceiro do Barcelona nunha xogada embarullada. Os cataláns aproximábanse a un gol, mais o alto ritmo do Barcelona en ataque non chegou para a igualdade.

Co pitido final, e despois dun partido de alto nivel, o Noia conseguía facer historia cunha vitoria na casa do líder da categoría, o todopoderoso Barcelona, demostrando que merece o lugar que ten na elite do fútbol sala estatal. 

Comentarios