O Noia Portus Apostoli recibe na casa, no mellor momento, ao Xaén

Moral alta no equipo galego de Noia após gañar ao Barça. Esta fin de semana terán a visita do Xaén, recente campión da Copa de España.
Lluc encara a Douglas durante unha sesión de adestramento (Fotos: Manuel Lorenzo/Noia PA FS).
photo_camera Lluc encara a Douglas durante unha sesión de adestramento. (Fotos: Manuel Lorenzo/Noia PA FS)

O Noia Portus Apostoli FS volve a casa para enfrontarse este sábado ao Xaén Paraíso Interior FS (18 horas). Faino 28 días despois da goleada por 8-2 ao Viña Albali Valdepeñas e de derrotar a semana pasada ao FC Barcelona no Palau Blaugrana.

Coa moral alta tras estes resultados, o Noia non esquece que o equipo andaluz que viaxará até a Galiza foi o recente campión da Copa de España. Os galegos teñen agora 32 puntos e selan unha permanencia virtual tras 22 partidos. Están nunha situación idílica con respecto os seus obxectivos de inicio de curso.

Cifras que convidan a pensar mesmo na posibilidade de loitar por algo máis histórico aínda que a salvación, como sería a clasificación para loitar polo título na primeira campaña do club na elite. 

Nestes momentos, os noieses ocupan a sétima praza con sete puntos de diferenza sobre a noveno, o Real Betis Futsal, que será, tras o Xaén, o próximo en visitar o Mourís.

Os xienenses calcaron os números na liga do equipo galego neste 2023 (16 puntos de 21 posíbeis, só superados polos 18 de 21 de Elpozo), un ano que empezaron cun gran estado de forma. 

Un rival difícil

As estatísticas confirman que os andaluces son un rival difícil. Conquistaron en Granada a súa terceira Copa de España, derrotando o Mallorca Palma Futsal, Elpozo Murcia e Movistar Inter. Na clasificación, os amarelos son terceiros con 46 puntos, só tres por detrás de Mallorca Palma e a seis do líder, o Barça

O Xaén conta cunha gran competitividade e dispón de Dani Rodríguez, que leva doce tempadas co equipo. Nel, destacan xogadores da talla de Chino (máximo goleador da liga con 22 dianas), Mati Rosa (15 goles), Alan Brandi (MVP da Copa de España), Míchel, Taborda ou os gardametas Henrique e Espíndola, entre outros.

Non estarán no Mourís por lesión o capitán Mauricio, Nem, Menzeguez e o porteiro Álex González. Na primeira volta, os andaluces gañaron por 4-3 por un penalti convertido por Chino.

Comentarios