O Parrulo e Valdetires potenciarán o fútbol sala feminino en Ferrol

Ambos clubs asinaron un acordo de colaboración para incrementar a potenciación do fútbol sala feminino na cidade e na súa comarca. 
Laura García e Pili Costa.coas bufandas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Laura García e Pili Costa.coas bufandas (Foto: Nós Diario).

Onte foi un día histórico no fútbol sala ferrolán. O Parrulo Ferrol e o Valdetires Ferrol asinaron un acordo de colaboración para incrementar a potenciación do fútbol sala feminino na cidade e na súa comarca. No acto deste pacto participaron Laura García e Pili Costa, responsábeis de ambos clubs. 

Ambos clubs, segundo explican nun comunicado, manterán a súa independencia como entidades deportivas e traballarán xuntas a todos os niveis “para conseguir potenciar e consolidar o fútbol sala feminino desde as categorías inferiores ata sénior, garantindo a todas as xogadoras poder dispoñer dunha estrutura en todas as etapas formativas”. 

Entre os obxectivos deste acordo de colaboración está a creación e consolidación da Escola de Fútbol sala Feminino do Parrulo Ferrol, creada conxuntamente coa Fundación Gadesport, para que a medio e longo prazo as xogadoras poidan ter como referencia ao primeiro equipo do Valdetires Ferrol, que actualmente milita na Segunda División e mesmo nutrilo. 

Para o Valdetires Ferrol esta colaboración co Parrulo Ferrol súmase á filialidade que formalizaron nesta tempada coa ADCR Santa Mariña.

Entidades históricas do fútbol sala galego

Grazas a este acordo de colaboración asinado esta cuarta feira, unen as súas forzas dúas das entidades máis coñecidas e con máis historia no fútbol sala ferrolán e galego.

O Parrulo Ferrol fundouse en 1981 e o Valdetires Ferrol fíxoo dous anos despois, en 1983, ambas as cunha experiencia contrastada na máxima categoría e agora emprenden este camiño conxunto loitando polos mesmos obxectivos no fútbol sala feminino.

Comentarios