Fútbol sala

O Parrulo Ferrol e o Burela buscan a vitoria na sétima xornada

Este sábado tanto o Parrulo Ferrol como o Burela FS teñen unha nova cita na segunda división do fútbol sala estatal.
O Parrulo Ferrol e o Burela FS buscan manter as boas sensacións (Foto: Parrulo Ferrol / Burela FS).
photo_camera O Parrulo Ferrol e o Burela FS buscan manter as boas sensacións. (Foto: Parrulo Ferrol / Burela FS)

Este sábado tanto o Parrulo Ferrol como o Burela FS teñen unha nova cita na segunda división do fútbol sala estatal. No caso dos ferroláns será ante o equipo madrileño CDE El Valle e como local, no pavillón da Malata. Mentres que no caso dos burelaos, será no pavillón deportivo Europa como visitantes ante o CD Leganés.

O Parrulo, que dirixe Juanma Marrube, busca manter a boa xeira de resultandos que vén obtendo nas últimas xornadas con tres vitorias contundentes e consecutivas que alzaron a escuadra ferrolá até a cuarta posición na táboa, o que supón que o equipo se encontra en postos de playoff para o ascenso.

Aínda que é cedo na temporada, os de Marrube veñen mostrando boas sensacións de cara a alcanzar o obxectivo último desta tempoarada que non é outro que o ascenso á máxima competición estatal no fútbol sala.

Pola súa parte, o Burela FS tamén vén de gañar tres partidos consecutivos ante rivais importantes como o Betis B ou o Unión África Ceutí o que sitúa o equipo na terceira posición.

O adestrador dos burelaos, David Rial, busca ter o seu equipo preparado non só esta fin de semana senón toda a temporada para alcanzar o obxectivo de voltar, igual que o Parrulo, á máxima categoría do fútbol sala no Estado español.

Adri e David Pazos, as grandes esperanzas

Se ben o inicio de temporada non era nada esperanzador para o equipo ferrolán, o equipo soubo refacerse e encadear bos resultados grazas a xogadores como Adrián Martínez, máis coñecido como 'Adri'.

Aos seus 36 anos de idade o xogador, tamén nacido en Ferrol, vén mostrando porqué é o líder do equipo. Na súa quinta campaña no equipo da súa cidade natal, Adri é a grande esperanza do Parrulo que, en moitos partidos, depende da súas xenialidades para facerse coa vitoria. 

O Burela FS encomendarase. polo seu lado, a David Pazos que, no que vai de temporada, xa anotou 10 goles e postúlase como o mellor do equipo.

Comentarios