Última parada para o tren europeo do Celta e o soño do 'play-off' do Lugo

O Celta regresa á acción dúas semanas despois co obxectivo de sumar tres puntos ante un rival directo na loita por Europa. O Lugo, pola súa banda, visita a casa da Real Sociedade B, penúltimo clasificado. No que respecta á Primeira RFEF, Celta B choca contra o filial do Valladolid, Rácing de Ferrol co Badaxoz e o Deportivo recibe o Real Unión de Irún.
O reparto de puntos logo do empate a cero goles do partido de ida sería nesta ocasión un resultado negativo para os intereses celestes. (Foto: Europa Press).
photo_camera O reparto de puntos logo do empate a cero goles do partido de ida sería nesta ocasión un resultado negativo para os intereses celestes. (Foto: Europa Press).

O mesmo ano 1971 no que o Celta debutaba en Europa na primeira edición da por aquel entón coñecida como Copa da UEFA, Andrés do Barro protagonizaba con Conchita Velasco a película de Mariano Ozores En la red de mi canción, na que interpretaba en lingua galega a canción Teño Saudade. A súa letra "hoxe eu te lembro meu ben, porque teño saudade de ti, saudade teño de ti meu ben" resulta evocativa da situación actual dun Celta que ten saudade dunha competición continental que non disputa desde o ano 2017, e que sería un incentivo extra a unha tempada 2022/23 que xa de por si promete ser inesquecíbel, pois a entidade celeste celebrará o centenario da súa fundación.

Mais para conseguir unha praza na actual Europa League -que xogarán o quinto e o sexto clasificado na Liga- ou na Conference League de recente creación -na que participará o equipo que remate sétimo no torneo da regularidade- a escuadra galega terá que mostrarse como un equipo máis sólido que até o de agora, e a primeira oportunidade será o choque de hoxe ás 18.30 horas ante o Raio Vallecano, oitavo clasificado con 32 puntos, catro máis que o Celta.

Para tratar de superar os madrileños, o Chacho Coudet apostará por un bloque moi similar ao que venceu Osasuna e empatou co Sevilla: Dituro na portería; Hugo Mallo, Javi Galán, Aidoo e Araújo na defensa, coa dúbida de se o mexicano será substituído por Carlos Domínguez a causa do cansazo acumulado polo central nos partidos que vén de disputar coa súa selección nacional; Fran Beltrán, Denis Suárez, Brais Méndez e Franco Cervi no medio do campo; con Iago Aspas e Santi Mina ocupando os postos de ataque.

Oportunidade para soñar para o Club Deportivo Lugo

A escuadra albivermella leva sen coñecer a derrota na competición ligueira desde o pasado 6 de novembro, tres meses máxicos nos que pasou de contar cun colchón de unicamente dous puntos sobre os postos de descenso a mirar con ollos larpeiros os postos que o introducirían na loita por subir a Primeira División vía un play-off que ten a só cinco puntos.

O encontro de hoxe (16 horas) semella unha boa oportunidade de darlle continuidade a tan positiva dinámica ante un rival, a Real Sociedade B, que parece estar inmerso nunha espiral practicamente inversa, pois non sabe o que é gañar desde o 12 de novembro. Con todo, desde Lugo foxen de triunfalismos é, tal e como destacou Juanpe en rolda de prensa, o xogo do filial txuri-urdin adoita ser "rápido e de calidade".

Pondo orde no caos da Primeria RFEF

Os representantes galegos na terceira categoría, inmersos no caos do calendario desde que a Federación tomara a máis que cuestionábel decisión de adiar o choque entre Deportivo e Rácing de Santander por tan só dous positivos, medida que foi interpretada como unha forma de beneficiar os cántabros, non teñen máis opción que apertar os dentes e adaptarse aos constantes cambios de horarios.

Precisamente o Dépor foi prexudicado de novo esta semana, pois a apenas 48 horas da disputa dun partido ante o Real Unión de Irún que tiña previsto disputarse hoxe coñeceu que sería reprogramado ás 17 horas de mañá. 

Tres horas antes, ás 12, o Rácing de Ferrol -que tampouco xogou o seu encontro da pasada xornada- visita o histórico Nuevo Vivero de Badaxoz coa obriga de sumar os tres puntos se non quere descolgarse dunha loita polo play-off á que se uniu, e de que modo, un Real Club Celta B que leva 15 goles a favor nos seus últimos catro partidos. O conxunto celeste será o primeiro equipo do país en entrar en acción (hoxe, 19 horas), e tratará de consolidar o seu posto de privilexio a costa doutro equipo filial, o Valladolid B. 

Comentarios