Halterofilia

Ruth Fuentefría, bronce no Europeo de arrancada

Fuentefría, que competía en categoría de -45 quilos, logrou o terceiro posto no podio elevando 68 quilos como tope.
A deportista natural de Carballo Ruth Fuentefría (Foto: Deporte Carballo).
photo_camera A deportista natural de Carballo Ruth Fuentefría (Foto: Deporte Carballo).

A cidade de Bucarest, capital de Romanía, foi onte o escenario da primeira xornada do campionato de Europa Júnior e Sub-23 de halterofilia. Un torneo que iniciaba con boas noticias para a representación galega deste deporte grazas á carballesa Ruth Fuentefría, que lograba a medalla de bronce na modalidade de arrancada.

Fuentefría, que competía en categoría de -45 quilos, logrou o terceiro posto no podio elevando 68 quilos como tope. A galega só foi superada pola turca Cansu Bektas (70 quilos) e por outra deportista natural de Salamanca, Marta García (69 quilos). Desta maneira, a carballesa consolídase como unha das forzas a nivel mundial na modalidade de arrancada, xa que nos anteriores campionatos europeos e mundiais conseguira subirse ao podio. 

A competición non finalizou aí para a deportista galega, sendo que tamén tomou parte na modalidade de dous tempos. Neste caso, a actuación de Fuentefría foi moi sólida, conseguindo tres levantamentos válidos e 79 quilos elevados, o que supón a súa nova mellor marca persoal. Con todo, esta boa actuación da natural de Carballo non foi suficiente para situala entre as tres mellores, finalizando no cuarto posto. O podio de dous tempos foi para Cansu Bektas con 85 quilos, a tamén turca Altun Ganze con 84 e para Marta García con 83.

Quenda de Irene Blanco

Pola súa parte, a outra representante galega neste campionato, a coruñesa Irene Blanco, participará no penúltimo día do campionato, o día 2 de agosto, e farao na categoría de até 87 quilos. En lista de inicio está colocada en terceira posición e terá que pelexar por conseguir medalla coa deportista local Alexandra Alexe e a armenia Liana Gyurjyan.
Irene Blanco buscará en Bucarest manter a boa xeira de resultados que vén colectando nos últimos tempos e competicións.

De feito, nos Mundiais Junior do ano pasado disputados en Grecia, logrou bater dous récords de España na modalidade de dous tempos a pesar de non poder subir ao podio e finalizar en cuarta posición. 

En concreto, Blanco chegou até os 120 quilos, polo que se fixo coa plusmarca estatal Júnior, facéndoo ademais cun peso corporal de 78 quilos e mellorando así os seus propios rexistros persoais.

Comentarios