A elite da halterofilia está na Coruña

A boa actuación do Club Halterofilia A Coruña na Copa Federación Sub-16 e Sub-18 en Alzira (Valencia) presaxia unha excelente tempada para o máximo expoñente galego neste deporte. A progresión en nivel que conseguiu todos estes anos o seu técnico, Ferenc Szabó Tatar, conxugou canteira e traballo de cara a facer historia no levantamento de pesas.
O Club Halterofilia A Coruña volveu de Valencia con varios trofeos, entre eles o de campión da categoría Sub-18 masculina (Foto: CHC).
photo_camera O Club Halterofilia A Coruña volveu de Valencia con varios trofeos, entre eles o de campión da categoría Sub-18 masculina (Foto: CHC).

O Club Halterofilia A Coruña quere repetir triunfos esta nova tempada e ten canteira para conseguilo. Comezaron as competicións estatais e os resultados seguen acompañando, como se demostrou na primeira cita do ano no Pavillón Municipal de Alzira (Valencia) que acolleu a Copa Federación Sub-16 e Sub-18, nas categorías masculina e feminina deste deporte. 

Para entrar nesta competición  os equipos tiñan que ter participado na liga estatal escolar do ano pasado e quedar clasificados entre os cinco primeiros da súa categoría, unha peneira que pasou con nota a federación galega que foi quen tivo máis representación nesta ocasión: entre os 20 equipos participantes, seis pertenceron ao club coruñés. 

Xa no torneo, comezaron os mozos Sub-16 competindo de forma sobresaliente para levar a vitoria por diante de CH Cullera e Anaitasuna.

Despois sería a categoría feminina na que tamén as galegas levaban a vitoria, mais desta vez por só 0.79 puntos de diferenza sobre o equipo canario Pegasus. Fechaba o podio da categoría o equipo B do tamén CH Coruña que levaba dous equipos nesta categoría.

Nas categorías Sub-18, o CH Coruña levaría a vitoria na masculina por diante do equipo canario ETH. En categoría feminina quedarían en cuarta posición ao faltarlles só 18 puntos para subirse ao podio. 

O seu director técnico, Ferenc Szabó Tatar, asegura a Nós Diario que as expectativas para este anos son altas. “Levamos dous anos gañando a Copa do Rei e a da Raíña, os campionatos absolutos masculinos e femininos máis importantes, e ese será o obxectivo”, sinala.

Se chegan a alcanzalo afirma que "seriamos o primeiro club do Estado español en conseguilo na historia". Para chegar á meta, ademais de traballo, recoñece que hai que ter tamén "algo de sorte".

A maxia de atopar deportistas

A responsabilidade do éxito do Club Halterofilia A Coruña está nas mans de Ferenc Szabó Tatar (Budapest, 1956). O técnico húngaro deixou a competición no seu país en 1980 tras unha lesión e comezou a adestrar. Anos despois recibiu a chamada do presidente da Federación Galega de Halterofilia, Óscar Fernández, tamén fundador do club coruñés, para que traballara en ambos. 


Os éxitos conseguidos desde a súa chegada contan cun segredo que Szabó Tatar non oculta. “O máis importante é traballar”, admite. Porén, tamén sinala que pensando na competición “o máis complicado é atopar os deportistas que sexan capaces de conseguir eses éxitos, non vale calquera”, sentenza.

O técnico húngaro asegura que poucas persoas saben, fóra do mundo da halterofilia, que “o que máis traballo e tempo me leva é atopar estes deportistas” para despois “adestralos da mellor maneira e poder motivalos para a competición”.

A proba do seu bo facer está nos resultados nesta disciplina deportiva que poderían sumar, este ano, máis alegrías internacionais

Comentarios